Domingo de Galicreques: desde as letras galegas até a tradición xaponesa

Nesta segunda xornada, o encontro internacional ofrecerá un total de seis citas que terán lugar en diversos puntos da cidade de Compostela. Entre elas, a artista xaponesa Beniko Tanaka propón unha función de teatro de sombras
A artista xaponesa Beniko Tanaka estará hoxe cun espectáculo no Festival Galicreques en Compostela. (Foto: Beniko Tanaka).
photo_camera A artista xaponesa Beniko Tanaka estará hoxe cun espectáculo no Festival Galicreques en Compostela. (Foto: Beniko Tanaka).

O Festival Internacional Galicreques festexa este domingo a segunda xornada da edición con seis citas que terán lugar na carpa da Alameda, na Reixa-Matrioska Tenda (Rúa do Hórreo, 46) e nas prazas de Santiago de Compostela.

O programa comezará na Praza Roxa, que recibirá ás 12.30 horas Os Monifates co seu espectáculo Percorrendo Camiños, unha peza que protagoniza un peculiar carromato tirado por dous músicos ambulantes que percorren vilas e pobos cunha importante misión, a de mostrar a rica e variada música e instrumentación da cultura galega. Media hora máis tarde, ás 13 horas, na Carpa da Alameda dará comezo o espectáculo Contacontos de libros contentos, da man de Títeres Brincadeira, que narran nesta montaxes divertidas historias que teñen como principais protagonistas os libros.

Xa pola tarde, ás 17 horas, na Reixa-Matrioska tenda, a artista xaponesa Beniko Tanaka presenta Rapazinho de carvão, unha función de teatro de sombras inspirada nun conto tradicional do Xapón. Á mesma hora, ás 17 horas, pero na Praza do Toural dan a oportunidade de gozar de novo do espectáculo Percorrendo Camiños de Os Monifates.

Chegará a quenda de Papabuis ás 17.30 horas, na Carpa da Alameda co espectáculo Cantares das Letras, que agrupa música e teatro para conmemorar, nesta ocasión, as Letras Galegas. Fai así un percorrido pola súa historia lembrando a autores de anteriores anos. 

Para rematar esta xornada, xa ás 18.30 horas, a Praza das Praterías recibirá a compañía belga Plansjet co seu espectáculo poular La Danza de las Marionetas, no que unhas tallas de madeira, realizadas por eles mesmos, cobran vida ao son dos variados instrumentos que tocan.

Programación domingo 10 de outubro

12.30h Os Monifates. “Percorrendo camiños”. Praza Roxa
13.00h Títeres Brincadeira. “Contacontos de libros contentos”. Carpa da Alameda
17.00h Beniko Tanaka. “Rapazinho de carvão”. A Reixa-Matrioska Tenda
17.00h Os Monifates. “Percorrendo camiños”. Praza do Toural
17.30h Papabuis. “Cantares das letras”. Carpa da Alameda
18.30h Plansjet. “La danza de las marionetas”. Praza Praterías

Máis Galicreques

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta da Galiza a través da Agadic, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación SGAE, continuará hoxe domingo coa súa 26º edición, que se realizará até o próximo domingo 17 de outubro.

Comentarios