A compañía estrea 'A parábola do angazo' no Festival Internacional de Teatro de Carballo

Talía Teatro saca a lingua a pacer

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) presenta hoxe a estrea do último espectáculo de Talía Teatro, A parábola do angazo, na que a compañía volve a un dos seus temas predilectos: a lingua. Un espectáculo de pequeno formato que ía para monólogo mais que foi medrando para atopar interlocutor. 
Artur Trillo e Toño Casais nunha escena da obra. Foto: Rubén Prieto
photo_camera Artur Trillo e Toño Casais nunha escena da obra. Foto: Rubén Prieto

Se cadra a mala noticia é que seguimos a falar da lingua como dunha realidade problemática. Mais se cadra, a boa noticia é que a sociedade segue a mostrar interese polo tema, a sentirse concernida por un asunto que nos implica a todos. Talía Teatro recunca na cuestión da lingua con A parábola do angazo, un espectáculo que estrea hoxe no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo e que completa unha triloxía cuxas dúas partes anteriores foron un enorme éxito de público. 

"A idea levaba moito tempo connosco" -explica Artur Trillo, membro fundador de Talía Teatro, en conversa con Nós Diario. "Tratábase de pechar a triloxía que comezou en 2003 con Bicos con lingua. No 2011, oito anos despois, fixemos Pelos na lingua. E xa tardaba unha terceira dose. O que fixemos foi tratar de darlle unha nova perspectiva ao espectáculo. En principio é a mesma fórmula, non podemos dicir que haxa nada novidoso que teñamos que dicir: é máis ben ampliar un pouco a visión que habitualmente temos sobre a lingua e os seus problemas". 

"En realidade, cando proxectamos Bicos con lingua, pensabamos que era unha obra que ía ter catro ou cinco funcións e que ía quedar aí. Era algo que queiramos facer por gusto, porque nos apetecía, mais no fondo pensabamos que era unha marcianada claramente propagandística. Pero a cousa é que saíu un espectáculo máis doce do que proxectaramos. E claro, foi unha sorpresa ver que tiña unha incidencia e unha aceptación que nós nin imaxinabamos. Tamén foi sorprendente ver que o profesorado empregaba os textos da obra como material didáctico, e supoño que a iso lle debemos unha parte do éxito que tivo. Mais, en certo sentido, tamén forma parte da intención da obra esa mobilización arredor da lingua".

A aceptación do público 

Tanto Bicos con lingua como Pelos na lingua tiveron un éxito de público non só insospeitado, senón tamen moi pouco habitual na paisaxe escénica galega. Ambos os dous espectáculos seguen vivos e aínda agora a compañía fai funcións de dúas obras pioneiras no tratamento do tema. 
"Eu sempre poño como exemplo o mes de maio de 2004, no que fixemos trinta e catro representacións da obra" comenta Trillo. "Para a compañía funcionou coma un colchón que nos permitiu enfrontar outros proxectos. En 2006, por exemplo, fixemos un Esperando a Godot que probablemente non poderiamos montar se non fose pola boa acollida de Bicos con lingua e da seguridade económica que nos proporcionaba".

Nos últimos anos, ademais, Talía montou espectáculos para público familiar -como Lambetadas ou Voa, voa- que tamén tiñan o tema da lingua no horizonte. Artur Trillo asegura que "si se pode dicir que a lingua é un dos eixos temáticos que foron desenvolvendo a traxectoria da compañía. Mais os espectáculos que conforman esta triloxía si que teñen unha clara vocación didáctica, case demagóxica". Nada estraño para unha compañía que ten entre os seus obxectivos " a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país".

Un conto que vén de lonxe

A parábola do angazo parte dun conto popular xa recollido polo Padre Sarmiento. Nel, un mozo que emigrou a Castela regresa a súa terra. Nese breve tempo, ocorrera algo asombroso: o rapaz esquecera a fala dos seus, a lingua que falara toda a vida. "É un conto que nos pareceu moi ilustrativo", precisa Trillo. "Esa anécdota do galego que precisa levar un golpe para recuperar a súa identidade era moi gráfica". 

A parábola do angazo fai unha viaxe no tempo desde o século XIII, cando o galego tiña máis prestixio que o castelán, até os nosos días, e para guiarnos nese itinerario, Talía contou con varias persoas para escribir a obra: ademais de fragmentos escritos polo propio Trillo e por Diego Rey, director da obra, hai textos de Sechu Sende, Araceli Gonda, Marta Lado ou José Prieto. 

"É a fórmula que empregamos nas dúas obras anteriores", aclara Trillo. "O que ten de novo A parábola do angazo é que levamos ao público a ver a nosa lingua desde outras perspectivas: hai sketches  nos que non empregamos o galego como exemplo, senón outras linguas diferentes para que se poida observar o galego doutro xeito diferente ao do discurso habitual. Invitamos á audiencia a poñerse no lugar dos outros para distanciarse e ver o feito lingüístico con outros ollos".

Mais, sobre todo, trátase dunha obra que pretende que o público o pase ben. "Claramente, a obra quere entreter. O humor sempre está en primeira liña e iso, dalgunha maneira, fai que o didáctico quede nun segundo plano, aínda que esperemos que algunha reflexión quede". 

Comentarios