O galego Sokram ábrese paso entre as mellores muralistas do mundo

A súa obra titulada 'Corrección política', que pintou nun inmoble da localidade leonesa de La Bañeza, foi elixido como o terceiro mellor mural do mundo no mes de setembro. Así o confirmou a prestixiosa plataforma Street Art Cities.
Mural 'Corrección Política' de Sokram, creado nun inmoble de La Bañeza. (Foto: Sokram) #mural #sokran #labañeza #muralista #galiza #diosketecrew
photo_camera Mural 'Corrección Política' de Sokram, creado nun inmoble de La Bañeza. (Foto: Sokram)

O mural de gran formato titulado 'Corrección política', obra do artista e muralista galego Sokram -membro do colectivo Dios ke te crew- vén de ser recoñecido como a terceira mellor creación artística desta tipoloxía a nivel internacional.

Así o sinalou a plataforma Street Art Cities, unha das máis recoñecidas e prestixiosas neste ámbito artístico.

De feito, o colectivo abriu o concurso a votacións e o artista de Ordes conseguiu convencer ao público.

Foi a principios do mes de outubro cando se soubo que a creación estaba entre os finalistas pero, unha vez feito o reconto, a proposta quedou a terceira do mundo, algo do que se fixeron eco nas súas redes sociais quer o propio muralista, quer o colectivo Dios ke te crew.

Con esta peza, que pode ser visitada na localidade de La Bañera, en León, Sokram pretende chamar a atención sobre a crecente "represión" na sociedade, que dificulta o dereito á liberdade de expresión.

De feito, houbo certa ligazón da obra cos casos de cantantes como Valtònyc.

Para as e os fanáticos da arte do grafito e o muralismo, algunhas das obras de gran formato de Sokram poden ser visitadas, por exemplo, nas vilas de Ordes e Carballo.

Malia ser un artista con cada vez máis proxección fóra da Galiza, o membro do colectivo Dios ke te crew continúa a ser un habitual dos certames Rexenera Fest -no marco da iniciativa Derrubando muros con pintura- e Desordes Creativas.

Comentarios