Galaxia reedita obra de Florencio Delgado Gurriarán

A editorial anunciou as novidades que traerá este primeiro trimestre de ano. Salientan as dedicadas ao homenaxeado coas Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán, mais tamén traducións e as obras gañadoras dalgúns premios que se fallaron en 2021.
Florencio Delgado Gurriarán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano coas Letras Galegas. (Foto: Nós Diario)

A Editorial Galaxia anunciou para o primeiro trimestre deste ano unha serie de novidades e títulos moi diversos, unha parte deles marcados polo homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán. Del reeditarán as obras Bebedeira, Galicia infinda ou O soño do guieiro.

Tamén, para esta ocasión, quixeron afondar no coñecemento deste autor a través dun traballo de Xesús Alonso Montero, quen se achega á súa vida nun volume que contará, tamén, cunha antoloxía da súa obra. Ao tempo, Galaxia recupera o libro de Ricardo Gurriarán, Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, publicado en 1999. 

Novas coleccións e traducións

Co novo ano, a Editorial Galaxia dará ao prelo dúas novas coleccións. Unha centrada na Ficción Científica e que nace co libro A soidade selénica de Juan Parcero. A outra, será unha saga de novelas xuvenís protagonizadas por Curros Enríquez e Sherlock Holmes da autoría de Marcos Calveiro. O primeiro título será, Curros & Homes no Misterio do Kapital. 

A tradución de grandes clásicos vai ocupar boa parte do esforzo editorial de Galaxia neste primeiro trimestre. Así, recuperan, nunha edición ilustrada en gran formato, Bambi, de Felix Saltén. Verán tamén a luz O doutor Zhivago, de Boris Pasternak, entre outros títulos.

Para a cativada, a ilustradora Blanca Millán porá cores á historia de Manuel Curros Enríquez, Aí vén o maio.

Publicación de premios

No inicio de ano, Xesús Rábade Paredes publicará as súas memorias baixo o título A luz co tempo de dentro. Ademais, como xa é tradición, porán nas librarías do país algúns dos grandes premios literarios do país. É o caso do Premio Blanco Amor 2021, Aquí comeza o mar, de Blanca Riestra, unha obra que combina xéneros como a literatura de autoficción e o xornalismo.

O Premio Vidal Bolaño, que cae este ano en mans de Edgar Costas Sanmartín pola súa obra Casa de feras, unha historia que destaca pola súa orixinalidade no tratamento dramatúrxico do xénero da fábula.

En poesía, Antese, de Arancha Nogueira, libro gañador do Premio Victoriano Taibo, un poemario baseado nun diálogo interxeracional.

Comentarios