Marilar Aleixandre dedica o Blanco Amor ao autor de 'A Esmorga', "dobremente excluído"

A escritora e colaboradora de Nós Diario recolleu esta terza feira o seu galardón pola novela As malas mulleres. No libro fai un repaso pola persecución que sufriron e sofren algunhas mulleres por distintos actos, sobre todo os relacionados coa súa sexualidade.
A escritora Marilar Aleixandre co seu premio. (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera A escritora Marilar Aleixandre co seu premio. (Foto: Deputación de Ourense)

A gañadora do XXXIX premio Eduardo Blanco Amor, a escritora Marilar Aleixandre, vén de recoller este recoñecemento pola súa novela As malas mulleres nun acto en Ourense. No seu discurso, a tamén colaboradora de Nós Diario, quixo dedicar o galardón ao propio autor do libro A Esmorga porque foi “dobremente excluído pola súa orientación sexual e a súa orientación política”.

O xurado deste certame -que promoven a Fundación Eduardo Blanco Amor e a Deputación de Ourense- elixiu por unanimidade a obra de Aleixandre, que estaba entre os 32 orixinais que concorreron.

A autora, que empregou o lema “láudano” para esconder a súa identidade, subliñou: “Querido Eduardo, estamos aquí ofrecéndote esta novela que fala da exclusión”. En certo modo, converteu o discurso de agradecementos nunha sorte de misiva ao escritor.

Incidiu no que tivo que loitar Blanco Amor pola súa “condición de homosexual e por ser fiel ao goberno constitucional e non aos golpistas”. “Agardo que che guste a novela”, díxolle.

Sobre o argumento de As malas mulleres, a premiada explicou que ten unha protagonista pero que fala da historia de mulleres fechadas na prisión no século XIX por feitos que “aínda na actualidade, en moitos países, seguen a ser delitos”. A historia está ambientada nunha cadea coruñesa.

"Contra a desmemoria"

O libro é “un exercicio de memoria e un exercicio contra a desmemoria, que é como ocultar ás persoas” sinalou, reflexionando sobre un “relato imaxinario” baseado en “moitas realidades”.

“Aínda hoxe en día moitas accións levadas a cabo por mulleres, e sobre todo aquelas relacionadas co seu propio corpo e coa súa sexualidade eran e son perseguidas”, lamentou Aleixandre.

Tamén aproveitou para louvar o papel de “catro grandes mulleres” (Rosalía, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Vega) na “Galiza do século XIX”.

Comentarios