Fuco Reyes gaña o Premio Ksado de creación fotográfica

A serie premiada aborda a "incerteza da adolescencia"
Xurado do Luís Kasado coa obra gañadora da XVII edición. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Xurado do Luís Kasado coa obra gañadora da XVII edición. (Foto: Deputación da Coruña)

A serie documental 'O espello de Claude', que aborda "a incerteza da adolescencia ante o mundo", foi seleccionada como gañadora do XVII Premio 'Luís Kasado' de creación fotográfica, promovido pola Deputación da Coruña, que unha vez aberta a plica resultou ser obra do fotógrafo compostelán Fuco Reyes.

O xurado desta edición estivo composto pola presidenta da axencia Magnum, Cristina de Middel, polo fotógrafo publicitario e de moda, Eugenio Recuenco, pola directora de Encontros de Fotografía de Xixón, Esther Maestre, polo director do magazine dixital de fotografía Clavoardiendo, Roberto Villalon, pola profesora da Escola de Imaxe da Coruña, Isabel Romero; e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Actuou como secretaria Mercedes Fernández-Albalat, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes e estivo presente Xurxo Lobato, comisario do Premio. 

No seu informe, o xurado salientou "os riscos que asume 'O espello de Claude' executando con audacia unha proposta cunha gran variedade de imaxes pero mantendo a coherencia narrativa e visual no conxunto da serie".

A colección presentada por Fuco Reyes forma parte dun proxecto documental que o fotógrafo compostelán realizou ao longo do último ano por diferentes IES da Galiza, traballando co alumnado en obradoiros específicos.

Neste sentido, o informe do xurado salienta que as imaxes desta serie "transmite a incerteza dos e das adolescentes ante un mundo ao que comezan a enfrontarse". 

Fuco Reyes (1965) comezou profesionalmente en fotografía de interiorismo e arquitectura, industrial e social e na actualidade, está fotografando o patrimonio cultural da ISC. Realizou diversas exposicións, entre elas no Centro Galego de Arte Contemporánea , recibindo tamén diferentes premios estatais de fotografía profesional.

Comentarios