1.000 'NÓS DIARIO'

A única revista de pasatempos en galego, 'A formiga no carreiro', á venda este sábado co 'Nós Diario'

A revista de pasatempos estreouse o pasado mes de agosto cunha primeira entrega que tivo unha grande acollida, con perto de 600 exemplares vendidos nos quiosques, a maiores dos que se agasallaron a todos os subscritores e subscritores de 'Nós Diario'. Agora chega o segundo número.
Capa da revista 'A formiga no carreiro'.
photo_camera Capa da revista 'A formiga no carreiro'.

Este sábado, 11 de novembro, sae á rúa o número 1.000 de Nós Diario, catro anos despois de iniciar un proxecto que só é posíbel grazas á inestimábel axuda de centos de persoas subscritoras. E, para celebralo, o xornal virá acompañado —como é habitual os sábados e ao prezo de sempre de 3,20 euros— do semanario Sermos Galiza, así como da entrega diaria do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, un caderno especial sobre os 1.000 exemplares e, a maiores, o novo exemplar da única revista de pasatempos en lingua galega, A formiga no carreiro.

A revista de pasatempos estreouse o pasado mes de agosto cunha primeira entrega que tivo unha grande acollida, con perto de 600 exemplares vendidos nos quiosques, a maiores dos que se agasallaron a todos os subscritores e subscritores de Nós Diario. Desta volta as persoas subscritas ao xornal tamén a recibirán de balde, mais terá un pequeno custo engadido de 1,80 euros este sábado para o resto de persoas lectoras. Aliás, ficará á venda durante as próximas semanas nos habituais puntos de distribución.

Nesta segunda edición, correspondente ao mes de novembro e novamente da autoría de Xoán Costa e Xerardo Rodríguez Roca, o volume pasa de 32 a 48 páxinas e volve ofrecer unha ampla variedade de xogos para adestrar o cerebro, desde pasatempos clásicos como as sopas de letras ou os encrucillados até outros orixinais como un labirinto de imaxes para examinar a agudeza visual. E sempre coa formiga como fío condutor.

"Todos os pasatempos, que moitas lectoras e lectores habituais xa coñecen a través do Nós Diario e o Sermos Galiza —que inclúen dúas páxinas de pasatempos en cada número—, están guiados pola formiga, que vai contando unha pequena historia para presentar as diferentes experiencias e desafíos. As formigas son as grandes protagonistas", explica Xoán Costa.

E por que a formiga? "É un animal moi presente no noso día a día, na vida cotiá, e queremos reflectilo nesta revista de pasatempos", di Costa, que pon como exemplo a toponimia, pois atopamos no país lugares como o Camiño da Formiga, na parroquia redondelá de Cedeira, ou mesmo alén do planeta, como é o caso da nebulosa da Formiga, a uns 3.000 anos luz da Terra.

Tamén na literatura ou a televisión vemos referencias a este insecto, como a clásica serie de animación A formiga atómica. Referencias todas elas que as persoas lectoras acharán no interior desta revista. "A través de diferentes xogos, adentrámonos no mundo formigueiro", subliña.

Xoán Costa e Xerardo Rodríguez Roca xa están a traballar no seguinte número, que sairá, coincidindo co Entroido, o 10 de febreiro de 2024. "Veremos a formiga visitando os principais eventos do Entroido da Galiza", avanza.

Comentarios