Os Follas Novas premian a Diego Ameixeiras, Manuel Rivas, Yolanda Castaño e David Pintor

Os premios renderon homenaxe ao escritor Xesús Alonso Montero, a libreira Mercedes Corbillón, e a escritora portuguesa Ana Luísa Amaral.

A gala dos Premios Follas Novas 2022 decorreu no Teatro Principal de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A gala dos Premios Follas Novas 2022 decorreu no Teatro Principal de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego fechou o tempo de pandemia e recuperou o seu carácter presencial cunha gala no Teatro Principal de Santiago. Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías da Galiza (FLG), co apoio do Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña, a Xunta da Galiza e o Centro Estatal de Dereitos Reprográficos (CEDRO).

Na categoría de Ensaio e investigación, o premio recaeu en ‘Um país a la gallega. Galiza no No-Do franquista’, de Beatriz Busto Miramontes (Através Editora). En Divulgación, para ‘H2... Oh!!! Pingas científicas’, de María Canosa (Editorial Galaxia). En Narrativa, sobre ‘O cervo e a sombra’, de Diego Ameixeiras (Edicións Xerais).

O premio de Libro Infantil foi para ‘Neko’, de Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores (Oqueleo). Na categoría de Xuvenil levou o galardón ‘Santoamaro’, de Antonio Manuel Fraga (Edicións Xerais). Na de Libro ilustrado ‘A Coruña’, por David Pintor (Kalandraka Editora).

O galardón de Banda deseñada, gráfico e humor outorgouse a ‘Aldara. A lenda do cervo branco’, de Inés Vázquez (Demo Editorial). A Iniciativa bibliográfica mellor valorada polos Follas Novas foi ‘Colección Chave Mestra’, de autoría colectiva (aCentral Folque).

No caso de Obra traducida, resultou gañadora ‘Canto eu e a montaña baila’, de Irene Solá, e traducida por María Alonso Seisdedos (Kalandraka Editora). O premio de Poesía recaeu en ‘O que fica fóra’, de Manuel Rivas (Apiario). En Teatro ‘As desterradas’, de Carme Varela (Edicións Xerais / Xunta). O premio ao Libro mellor editado levouno tamén ‘O que fica fóra’, de Manuel Rivas (Apiario).

Premios a traxectorias

Na categoría de traxectoria en Iniciativa cultural ou fomento da lectura recibiu o premio ‘Poetas Di(n)versos’, por Yolanda Castaño. No caso de Proxecto literario na rede, o galardón recaeu en ‘O Arquivo das Trasnas’ (Instagram), de autoría colectiva. Pola súa parte, o premio de Xornalismo cultural, recibiuno Belén Regueira.

Premios honoríficos

Cada unha das tres asociacións organizadoras dos Premios Follas Novas entregou na Gala celebrada no Teatro Principal de Santiago os seus premios de honra anuais. Os premios desta edición foron para Xesús Alonso Montero, Mercedes Corbillón e Ana Luísa Amaral.

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), é o Premio Honorífico da Edición da Asociación Galega de Editoras como filólogo, crítico literario, escritor, poeta, sociolingüista e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela. A AGE considera que Xesús Alonso Montero é unha figura fundamental na resistencia do libro galego durante a “longa noite de pedra” do franquismo e un incansábel impulsor do seu novo rexurdimento despois da chegada das liberdades.

Mercedes Corbillón, responsábel da libraría Cronopios de Santiago de Compostela, foi a distinguida co premio que anualmente escolle a Federación de Librarías da Galiza. Segundo Ramón Domínguez, a escolla de Mercedes Corbillón como premiada débese a que “representa todo o que debe ser unha libraría na actualidade tanto por actividades como pola interrelacións que consegue entre quen escribe e quen le”.

A AELG designa todos os anos unha autoría universal. Este ano, a designación correspondeu a Ana Luís Amaral (Lisboa, 1956), poeta e profesora na Universidade do Porto, con áreas de estudo son as poéticas comparadas, feminismo e estudos queer. Segundo a poeta Marta Dacosta “Amaral é a poeta que contraría a tradición, a que reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza”.

Unha gala reivindicativa

No acto, presentado por Aldao Lado e coa participación musical do grupo Peña, reclamouse máis atención para o sector do libro e da literatura na Galiza e lembrouse a situación na que se encontra despois da crise propiciada pola Covid.

O presidente das escritoras e escritores galegas, Cesáreo Sánchez Iglesias, falando no nome das tres asociacións organizadoras, realizou o discurso institucional aludindo á situación actual do mundo e á necesidade de lembrar que o “sistema literario galego ten unha fráxil saúde”.

Sánchez Iglesias remarcou a necesidade de que se poña en marcha o plan lector e que as Administracións “teñan empatía co sector" e “as súas necesidades”, unha petición que tamén lle fixo “a cada persoa lectora do país”.

O xurado deste ano estivo formado por Inma López Silva, Miriam Ferrandáns, Pilar Sampedro, Esther Gómez, Ramón Nicolás, Charo Portel e Susana Sánchez Aríns.

Comentarios