NATUREZA, TERAPIA E ARTE

Fluír nas marxes do Arnoia: obradoiro de 'land art' en Allariz

Flow in the Arnoia River é un proxecto de land art (arte e natureza) que ten lugar no Espazo Artístico A Illa de Pedra e nas beiras do río Arnoia, en Allariz, a vindeira fin de semana (29 e 30 de xuño e 1 de xullo).

Co anglicismo flow pódese denominar o fluxo dun río, pero tamén está en conexión co “flaneur”, co deixarse levar, coa deriva creativa. Con fluírmos. Esa é a intención deste obradoiro que se desenvolve a próxima fin de semana nas beiras do río Arnoia. Dous días para experimentar a relaxación e o acougo, deixarse aboiar. Diríxeno os artistas Antón Sobral e Carmen Hermo.

O obxectivo é traballar durante dous días ás marxes do río en obras de arte efémeras, que se integran na natureza. “Aquí funcionan un concepto ecolóxico, en tanto se fai unha arte respectuosa coa natureza; un concepto terapéutico, e outro divulgativo, que ten que ver coa idea da arte aberta a todas as persoas, e de desenvolver todas as capacidades de cadaquén. Non se trata dun encontro entre artistas pechado”, cóntanos Jorge Valenciano, coordinador do taller.

Ademais do traballo creativo no río, terá lugar outro máis teórico, con conferencias, debates e proxeccións a cargo de Sobral, Hermo e outr@s 20 artistas convidad@s, que ten como base de operacións a casa-museo Illa de Pedra. O irmán de Jorge, Emilio García-Valenciano, vive, traballa, e ten exposta a maior parte da súa obra na casa-taller de Casnadagaia: a Illa é un “xardín escultórico” onde o que interesan son os procesos, non os resultados. Un concepto de arte non fosilizada que casa con esta idea do “fluir”, do “devir”, tan á contra dos tempos de velocidade e caos en que vivimos: “trátase de buscar a serenidade dentro da inestabilidade”, explica Jorge Valenciano. De aí a idea de “deriva”, de fluxo.

Este obradoiro enmárcase no traballo do grupo Arou, integrado por vari@s artistas, que realizou outros obradoiros semellantes en Arzúa;en Camelle, nunha homenaxe anual que se lle fai a Manfred, o alemán que tiña a súa casa-museo na praia deste lugar; ou en Lariño, no Concello de Carnota. Desta volta, será Allariz, un entorno privilexiado, o que acolla o taller. A inscrición custa 30 euros(con pincho de recepción o venres e cea o sábado), e pode consultarse máis información ou realizar a inscrición a través da páxina web da Illa de Pedra.

Comentarios