“A min conmocionoume Na Palleira, da Charanga do Cuco de Velle”, sinala sen apenas pensalo, “antes da música mestiza, Ourense xa era o centro do mundo”. Aquela casete “mercada na estrada” -é dicir, nun bar ao pé do camiño ou nunha gasolineira- databa de 1980. Producíraa o cantautor Suso Vaamonde, da derradeira fornada de Voces Ceibes. Mais o seu contido distaba da canción de intervención.
“A música galega, a música americana, a música galega, estaban aí. E con toda forza do popular”, engade, “anos despois escoitei Flaco Jiménez, o tex mex ou mesmo Manu Chao, e xa estaban antes na Charanga do Cuco de Velle”.
Ao alcume de Cuco de Velle respondía Claudio González Añel (Velle, Ourense, 1916 – Ourense, 1993). Rexentaba unha taberna de nome, si, La Palleira. E, nunha operación análoga á que nos arrabaldes rurais de Vigo levaran adiante A Roda -o seu primeiro elepé, de 1977 e inzado de clásicos populares, procedía de percorrer furanchos e tascas da contorna-, a súa Charanga nutriuse da cultura subterránea do viño sen etiquetar.
Entre os variados afluentes que desembocaron en Diplomáticos, o da agreste música popular do Cuco de Velle resulta máis ou menos visíbel. Non o é tanto a escolla internacional de Xurxo Souto: Dark Side of the Moon (1973), de Pink Floyd. Esta cimeira comercial do rock sinfónico contrasta abertamente co salvaxismo folk punk da banda de Souto. Explícase: “Tiña 15 anos, e descubrín a posibilidade da música como porta de acceso a estados de conciencia alterados”.
O lirismo espacial de Pink Floyd apreciábase mellor, engade, con auriculares: “Así principiabas a viaxe, era como o escoitabas”. The Dark Side of the Moon marcou, tamén, o afastamento definitivo do grupo británico respecto da psicodelia tecnicolor da súa primeira etapa, en que as cancións de Syd Barret determinaban o camiño. “The Dark Side of the Moon foi unha visión”, conclúe Xurxo Souto, “como atopar a verdadeira música”.