O FIOT de Carballo estrea o espectáculo inclusivo 'É meu amigo!'

A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura acollerá, desde as 20 horas, a exposición monográfica 'Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’'.
Unha escena de 'É meu amigo!' (Foto: Vanessa Rábade)
photo_camera Unha escena de 'É meu amigo!' (Foto: Vanessa Rábade)

A estrea absoluta do espectáculo inclusivo É meu amigo!, da compañía A Trastenda dos Contos, marcará o inicio dunha semana no FIOT marcada pola súa intensa actividade escénica. 

É meu amigo! é un espectáculo inclusivo para persoas xordas e ouvintes, no que a lingua de signos e lingua oral contan e se integran por igual grazas ao traballo conxunto, para a creación desta peza, de Gema Santos e Caxoto, narrador cunha extensa traxectoria no FIOT.  “A xestualidade da lingua de signos, e a combinación da palabra e do xesto, suma moito á hora de narrar contos”, apuntou Caxoto na presentación da obra. Neste sentido, Gema Santos salientou “a importancia de que a cultura visualice e conte, nas súas propostas, cunha lingua minorizada como a de signos; que dota de riqueza ao espectáculo”. 

Logo de dous anos de investigación na integración entre as dúas linguas -nas que, por exemplo, a construción gramatical é diferente- e a realización dunha residencia artística en Carballo, a estrea absoluta de É meu amigo! terá lugar esta cuarta feira, ás 18 horas, no Pazo da Cultura.

O FIOT apoia este espectáculo -dirixido especialmente ao público infantil- preocupado tamén por manter un comportamento socialmente responsábel e pola atención ás necesidades de todo o público, e lembra que haberá espazos nas primeiras filas para persoas e familias con diversidade auditiva. 

Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

O FIOT tamén anunciou a inauguración, ás 20 horas, da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ unha proposta monográfica que se achega á persoa e ao traballo artístico do narrador oral Carlos Díaz Gestal, ‘O Xestal’, a través dalgúns obxectos persoais e de gravacións que del se conservan. A mostra, que se situará no andar -1 do Pazo da Cultura, poderase visitar até o 12 de novembro. 

Comentarios