Cándido Pazó estrea 'Apaga o Candil' no FIOT de Carballo

Quico Cadaval, Celso Sanmartín e ‘Guti’ son os protagonistas de Tres vellas na romería, a estrea absoluta da Rúa dos Contos que terá lugar o domingo 8 ás 20.30 horas no mercado municipal
Avelino González e Toni Salgado protagonizan 'Apaga o candil'. (Foto: Vanessa Rábade)
photo_camera Avelino González e Toni Salgado protagonizan 'Apaga o candil'. (Foto: Vanessa Rábade)

O Festival Internacional Outuno de Teatro de Carballo (FIOT) será o escenario da estrea absoluta de Apaga o candil,  un espectáculo de recoñecemento a Carlos "O Xestal" coproducido por Contraproducións e o FIOT. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, a obra propón un achegamento ao gran narrador oral, carballés de adopción, coa intención de visualizar o seu traballo, como humorista e tamén como activista. 

A estrea será esta sexta feira, 6 de outubro, ás 21 horas, e ao remate da función farase entrega do galardón do Premio do Público do FIOT 2022 a Contraproducións por Cigarreiras. Ao día seguinte, a representación comezará ás 20.30 horas. 

Os contos do Xestal están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira; conectárono coa sociedade converténdoo nunha querida figura da cultura popular galega dos últimos anos. Así, Candido Pazó, un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos, narrador e admirador de Carlos Díaz "O Xestal", achéganos en Apaga o candil ao contador de contos e tamén ás circunstancias complexas da súa vida, á necesidade de recoñecemento, ao seu compromiso, así como á dificultade histórica da posta en valor da cultura tradicional galega. 

"Eu conectei dende moi cativo co Xestal, ao poder escoitar na casa os seus contos, nos discos. É unha figura fundamental e sobre el poderianse facer moitos espectáculos, moi diferentes, mais o que queremos con este é que O Xestal sexa moito máis coñecido polo país adiante e que desde Carballo poidamos levar o seu enxeño a grandes e pequenos escenarios de moitas vilas”, declarou Pazó. Así, Apaga o candil contará, logo do seu paso polo Pazo da Cultura, cunha xira pola Galiza. 

 

Estrea na Rúa dos Contos 

Ademais, a XXIV Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral pioneiro na Galiza, acollerá esta segunda fin de semana do FIOT a estrea absoluta de Tres vellas na romería, peza que conta con tres das grandes voces das artes escénicas do país e ben coñecidos polo público carballés: Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’. O trío regresa ao FIOT para falar das súas musas, as súas vellas e, como nunha sesión de espiritismo, resucitan as súas palabras e a súa memoria. A función terá lugar o domingo 8 ás 20.30 horas no mercado municipal.

 

Comentarios