Un filme galego-brasileiro revisa o mito de Greta Garbo

Con Olhares de perfil o mito de Greta Garbo subía a escena encarnado nun Roberto Cordovani que conseguía un dos grandes sucesos da súa traxectoria. O actor, afincado na Galiza, protagoniza a produción cinemetográfica que vén de rematar a rodaxe na Galiza e inicia o proceso de montaxe no Brasil.  

Director e directora de fotografía
photo_camera Director e directora de fotografía

Olhares de perfil foi un dos títulos co que a compañía Arte Livre do Brasil de Roberto Cordovani irrompeu na escena galega a finais dos anos oitenta, despois de sorprender con aquela obra inicial que foi Amar, verbo intransitivo. O espectáculo, que mostraba unha soberbia Greta Garbo á que lle daba vida Roberto Cordovani representouse en numerosas ocasións e acadou os máximos recoñecementos en festivais e concursos. Premio no Festival de Edimburgo, en Londres, na Mostra Internacional do Festival de Outono de Madrid e tamén o Premio Compostela de Teatro na modalidade de mellor actor protagonista. 

Co mesmo Cordovani a obra pasa agora ao cinema, nunha coprodución galego-brasileira dirixida polo brasileiro Raphael Amorim con  Andrea Costakazawa como directora de fotografía, formando parte do equipo brasileiro que remata agora a rodaxe na Galiza e no norte de Portugal, nos privilexiados escenarios de Mondariz, Valença do Minho e Ourense.

O desafío do cine

O actor Roberto Cordovani, residente na Galiza desde hai máis de vinte anos, volve poñerse na pel da Garbo, un dos papeis máis poderosos que interpretou no teatro na obra coa que acadou os maiores recoñecementos artísticos. Agora, da man da produtora Arsa Crastinum, consigue finalmente que a súa Garbo pase ao cine e que o faga nos escenarios para el máis queridos, en especial en Mondariz, onde instalou hai tanto tempo a súa residencia. 

“Durante varios anos traballamos no proxecto mais é só agora, coa rodaxe que dá un paso adiante e toma forma de cara a nova película. Levar o mito de Greta Garbo ao cine é un grande desafío que se tornou nunha bonita experiencia”, comenta o director Raphael Amorim recén rematado o proceso de rodaxe na Galiza. “Mondariz é un escenario dunha beleza natural excepcional como tamén Valença e Ourense. O traballo foi longo, de análise minucioso para non perdermos a forza da peza teatral que tivo tan grande suceso”, comenta Amorim do reto de pasar á pantalla grande a obra que naceu no teatro hai xa case trinta anos. Ser fiel á historia orixinal e leal ao texto, rememorar a obra teatral mais tamén darlle unha outra forza foron os tres eixos dos que partiu á hora de se enfrontar ao proxecto que comeza agora a fase de montaxe, calcula que dez meses até que o filme estea pronto para a súa estrea que sitúa no primeiro semestre de 2016. 

Como será Olhares de Perfil en cine? “O propio texto ten un grande peso psicolóxico, o retrato da ambigüidade do ser humano, dos conflitos internos que son escuros mais nos conseguimos facer que se tornen máis viscerais. A profundidade do humano, do querer e non querer, dos intereses e as ambicións, dos desexos carnais vivos e os sentimentos está presente na historia que xira arredor non da propia Greta Garbo senón do mito que se crea arredor da diva”, explica o director. “A Greta tiña moito diso, dese conflito interno, a pesar dela estar presidida pola fama inmensa de grande estrela. A xente consigue tela como referencia para se autoanalizar. Cen anos despois, o ser humano ten os mesmos conflitos e a gradiosidade do seu mito fai que sexa actual mesmo nos nosos días”, engade Amorim para quen o conflito arredor da diva é moito máis forte que a súa propia carreira artística. 

Despídese tamén da súa estadía galega a directora de fotografía Andrea Costakazawa que define como “moi intenso” un período de rodaxe do que destaca a beleza dos espazos, unha calidade que apreciou se maneira especial desde o seu papel ao pé da cámara. “Trátase dun traballo psicolóxico, dunha dualidade e ambigüidade que ten ela mais, en distinto grao, temos tamén todos nós. A beleza natural dos escenarios é moi sorprendente e será un dos engados da película”, sinala Costakazawa que rememora as imaxes dos anos corenta no filme que agora comeza a etapa de montaxe xa en Brasil.

Comentarios