O festival Itineranta trae espectáculos de luz e son ás rúas de Pontevedra

O festival internacional de animación na rúa, Itineranta, celebrará esta semana a súa duodécima edición con espectáculos itinerantes nas prazas e rúas do centro histórico da cidade

'Lumen', de Yera Teatro.
photo_camera 'Lumen', de Yera Teatro.

O Festival Itineranta, dedicado aos espectáculos de rúa, volve a Pontevedra a partir desta cuarta feira 26 de xullo coa actuación de nove compañías diferentes con espectáculos de luz e son. 

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou este luns Itineranta. XII Festival Internacional de animación rúa xunto a Sergio Rodríguez, un dos responsábeis da empresa viguesa Troula que organiza este evento que se desenvolve polas rúas do centro histórico de Pontevedra.  

"Como 'experiencia de usuario' teño que dicir que só hai que saír á rúa e deixarse levar para gozala con todos os sentidos", recomendou o concelleiro á cidadanía para que se anime a participar neste festival de artes na rúa. 

Sergio Rodríguez destacou que Itineranta é un evento cultural "asentado" no calendario cultural galego e que "Pontevedra é un escenario incomparábel" para desenvolver todas estas actividades xa que a cidade "está perfectamente adaptada a este tipo de espectáculos nos que todo pode pasar, en calquera momento e en calquera lugar". 

Para o serán do día 26 de xullo, a partir das 20 horas, están previstas as funcións Mediterraneus da compañía Todo Zancos; Trotaclowns, de Cía. Cirteani; O son dos tambores de Latexo Percusión; e Mexican Parade, que trae a compañía Pablo Méndez Performance. 

Na quinta 27 de xullo, ás 20 horas, estrearanse as animacións de Actúa Producciones, Wonderwool na que dous gatos traviesos percorren as rúas e prazas da cidade co seu orixinal carriño creando situacións divertidas e insólitas co público;  +75 de Fadunito que destaca coa súa actuación os problemas de accesibilidade dos espazos públicos; Cercles, de Todos os Zancudos; e Lumen, de Yera Teatro, cos seus títeres xigantes.

Finalmente, o día 28 de xullo, tamén ás 20 horas, será a quenda de Actúa Producciones, de novo co espectáculo Wonderwool, mentres que Todos os Zancudos presentarán Metamorphosi

Ese día, a compañía portuguesa PIA (Proxectos de Intervençao Artística) estreará o espectáculo Entremundos, unha representación de teatro físico, obxectos e formas animadas, manipulando grandes títeres. E tamén a veterana compañía vasca Deabru Beltzak achegará á Boa Vila o seu espectáculo Les tambours de feu, no que participan Aker, o demo do aquelarre e o seu séquito de percusionistas con música en directo, fogos artificiais e grandes efectos especiais. 

Os espectáculos (dunha hora de duración) desenvolveranse de forma simultánea para que o público se desprace polos percorridos preestabelecidos. 

Comentarios