O Festival Intercéltico achegará a Moaña os grandes expoñentes do folk internacional

Treixadura, Yves Lambert ou Elephant Sessions, entre os protagonistas dun evento que decorrerá no municipio morracense os días 29, 30 e 31 de xullo.
Os músicos Anxo Lorenzo e Iván Costa, asesores musicais do festival; a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz; a edil de Turismo, Coral Ríos Santomé; o de Cultura, Carlos Juncal Costa, e o de Mobilidade, Rodrigo Currás Torres. (Foto: Diego Seixo)
photo_camera Os músicos Anxo Lorenzo e Iván Costa, asesores musicais do festival; a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz; a edil de Turismo, Coral Ríos Santomé; o de Cultura, Carlos Juncal Costa, e o de Mobilidade, Rodrigo Currás Torres. (Foto: Diego Seixo)

O Festival Intercéltico de Moaña, o evento decano dos festivais de música folk da Galiza, alcanza este verán a súa 38º edición, e será os días 29, 30 e 31 de xullo.

Desde a organización apuntaron que, logo de dúas edicións condicionadas pola adversa situación sociosanitaria, o festival preséntase este ano como "o da volta á normalidade", recuperando o seu formato tradicional, sen restricións de acceso e de balde, como viña sendo habitual.

Aliás, no cartel volven figurar artistas de todo o mundo como os escoceses Elephant Sessions, o quebequés (Canadá) Yves Lambert e a artista procedente de Northumbria (Inglaterra) Kathryn Tickell.

Sexta feira, 29 de xullo

O primeiro concerto, a sexta feira día 29 ás 22 horas, correrá a conta da xa mítica banda galega Treixadura, que presentará o seu novo traballo, Camiño longo.

Posteriormente, contra as 23.30 horas, será a quenda de Elephant Sessions, recoñecidos polo seu directo que xa exportaron aos festivais europeos máis prestixiosos.

Sábado, 30 de xullo

O sábado ás 22 horas actuará Yves Lambert, cantante e acordeonista que fora membro fundador de La Bottine Souriante e é un dos máximos expoñentes do trad do Québec.

Xurxo Fernandes daralle o relevo arredor das 23.30 horas. Este artista coruñés ten unha ampla traxectoria no ámbito da etnografía e das músicas de raíz e forma parte da banda Radio Cos.

Domingo, 31 de xullo

Finalmente, o domingo Os d'abaixo abrirán a quenda de mañá (12.30 horas) cun repertorio que recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou de nova composición.

Xa pola noite, Kathryn Tickell (22 horas) porá o ramo ás actuacións musicais co seu traballo fondamente arraigado á paisaxe e as xentes de Northumbria.

De forma paralela aos concertos decorrerá unha mostra de artesanía e folclore tradicional con cartel propio que contará con obradoiros, desfiles e actuacións dos grupos e bandas de Moaña, organizada pola Asociación Moaña AntiQua e o Concello de Moaña.

Comentarios