Do 10 ao 14 de maio, a Sede Afundación A Coruña acolle a primeira edición do Festival Internacional de Animación Imaxinaria, un proxecto que nace da man do debuxante e cineasta Alberto Vázquez co obxectivo de promocionar e dar a coñecer a animación audiovisual menos comercial, e funcionar tamén como punto de encontro de profesionais do sector, onde a Galiza posúe unha ampla e recoñecida tradición innovadora.
Imaxinaria propón, para o vindeiro día 12, unha tarde dedicada ao cinema portugués de animación. A sección Foco do novo festival, que mostrará cada ano o mellor cine animado dun país diferente, dedícase nesta primeira edición a Portugal.
As proxeccións do día 12 incluirán un pase de Os Demónios do Meu Avô, cuxo director e produtor, Nuno Beato, manterá un coloquio co público. Beato colabora habitualmente con cineastas e intérpretes da marxe norte do río Miño. En Os Demónios do Meu Avô, o filme que presentará ao público de Imaxinaria, participaron, entre outros, o actor Celso Bugallo e o director Xosé Zapata, que colaborou en diferentes producións co director luso.
Ademais do filme de Nuno Beato, poderán verse sete curtametraxes portuguesas dos últimos anos e que ofrecen diferentes perspectivas do cine de animación no país veciño. Algunhas delas foron premiadas nalgúns dos mellores certames de cine de animación do mundo. Trátase de Tio Tomás e A Contabilidade Dos Dias (Regina Pessoa, 2019); Purpleboy (Alexandre Siqueira, 2019); Elo (Alexandra Ramires, 2020) e O Casaco Rosa (Mónica Santos, 2022).
A sección Foco complétase coas proxeccións de Água Mole (Alexandra Ramires & Laura Gonçalves, 2017); Agouro (David Doutel & Vasco Sá, 2018); e Néstor, (João Gonzalez, 2020). A selección foi realizada polo equipo do festival xunto coa Casa da Animacão, o ente público das Administracións portuguesas que se encarga da promoción e difusión do filme de animación.
A presenza do cinema portugués no Festival Imaxinaria vai máis aló da sección Foco: tres curtametraxes compiten na sección oficial despois de conseguir o recoñecemento nalgúns dos mellores festivais do mundo. Trátase de Ice Merchants, de Joâo González, nomeado aos Oscar 2023 na categoría de curtas de animación; O Homem do Lixo, de Laura Gonçalves, premio á Mellor Curtametraxe no Festival de Annecy (Bélxica); e Garrano, unha coprodución luso-lituana de David Doutel e Vasco Sá que obtivo recoñecementos en festivais como Sundance, Annecy ou Zagreb.