A mostra S(8) reafirma a súa dimensión formativa e de profesionalización

A Mostra Internacional de Cinema Periférico crea este ano as bolsas eSe8_LAB para propiciar o desenvolvemento de proxectos cinematográficos nunha institución de prestixio na Unión Europea.
Angel Rueda, director do encontro, onte, na presentación do S(8).
photo_camera Angel Rueda, director do encontro, onte, na presentación do S(8).

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico presentou onte na Coruña as actividades, datas e sedes da que será a súa décimo cuarta edición, que se desenvolverá entre o 26 de maio e o 4 de xuño en cinco espazos da cidade: a sala de exposicións de Palexco, a Domus, a Fundación Luis Seoane, a Filmoteca da Galiza e a sede de Afundación. 

O (S8) reforza a súa dimensión formativa e de apoio a proxectos cinematográficos, coa creación dunha nova convocatoria de bolsas para o desenvolvemento de talentos emerxentes no ámbito da Unión Europea. 

Así, nace a colaboración co Baltic Analog Lab (BAL) de Riga, un colectivo de artistas e un filmlab con sede na capital de Letonia, que xorde para producir, ensinar e inspirar, proporcionando un espazo para a creación, a aprendizaxe e a formación. A colaboración dará como resultado novas coproducións que se estrearán na Coruña. 

“O (S8) non é só unha mostra de cinema, senón tamén unha ferramenta de impulso do cine desde abaixo, á formación, á proxección de novos directores e directoras, ao intercambio de saberes e de sensibilidades”, subliñou na súa intervención Ángel Rueda, director do certame, que puxo en valor  o papel "de tantos eventos na Galiza que, como (S8), fixemos un traballo de crer no noso". 

 

Proxectos titorizados 

Nesta XIV edición, o espazo de titorización personalizado de proxectos cinematográficos en desenvolvemento, INPUT, que se estreou en 2017 grazas á colaboración coa Fundación Luis Seoane para impulsar a profesionalización de creadores e creadoras e potenciar a formación, vertebración e xeración de redes dentro do sector cultural no país, duplica o seu radio de acción e participantes, ao aumentar de tres a seis o número de proxectos titorizados. Contará con seis profesionais de prestixio internacional para asesoralos e, ademais, ampliará o seu proceso de seguimento, con titorías online, máis alá das datas do festival. 

Ademais, as Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica–BAICC, que operan desde 2017, darán oportunidade de participar nunha estadía de entre catro e seis semanas en Toronto, Canadá, para a produción dunha obra fílmica rodada en formato analóxico". 

A sección Paraíso, por outra parte, sumará a participación de alumnado de Francia e Italia, e contará cun espazo de asesoramento profesional, no que o estudantado recibirá titorización personalizada e directa por parte de profesionais de recoñecida traxectoria.

Comentarios