O Festival Galicreques ofrece este ano 17 funcións para o público escolar

Na edición de 2022, asistiron como público ás funcións escolares máis de 1.300 crianzas dun total de 32 centros de educación procedentes dos concellos de Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Sigüeiro, Catoira, Brión, Mesía e Vilasantar.
Galicreques, unha cita ineludíbel ano tras ano na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Galicreques, unha cita ineludíbel ano tras ano na Galiza. (Foto: Europa Press)

O Festival Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde, ofrecerá un total de 17 funcións para o público escolar entre o 9 e o 18 de outubro deste ano. O programa escolar é unha dos sinais de identidade de Galicreques, encontro de carácter internacional que aposta desde os seus inicios polo achegamento directo aos espectadores e pola creación de públicos. O evento, do que informou a organización nun comunicado, conta co patrocinio de institucións como a Xunta, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña ou o Ministerio de Cultura e Deporte.

Galicreques alcanza este 2023 a súa 28ª edición e o seu cartel de espectáculos para o público xeral desenvolverase entre o sábado 7 e o domingo 15 de outubro. Ademais, a súa oferta de espectáculos para o público escolar estenderase até a cuarta feira día 18, para dar resposta á demanda que ano tras ano cultiva entre os centros de ensino. Na edición de 2022, asistiron como público ás funcións escolares máis de 1.300 crianzas dun total de 32 centros de educación procedentes dos concellos de Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Sigüeiro, Catoira, Brión, Mesía e Vilasantar.

Cada ano, o programa de funcións escolares de Galicreques atrae tanto estudantes de escolas como de institutos, xa que o festival inclúe na súa oferta obras de marionetas destinadas ao público xuvenil. Para este segmento educativo, Galicreques brindará dous espectáculos diferentes. O primeiro deles, Estorias O lume, da compañía portuguesa Krisálida, que actuará no Teatro Principal o día 11. O segundo será Las avispas, da formación catalá Fil de Guá, que se poderá ver no mesmo escenario o 13 de outubro.

O edificio da SGAE, situado na rúa das Salvadas de Santiago, acollerá na segunda feira 9 de outubro, ás 10.30 horas, a primeira función escolar deste 28º Festival Galicreques: Coliño, obra da compañía galega A Xanela do Maxín. A actividade proseguirá ese mesmo día coa compañía tamén galega Larei Lará, que representará na xa tradicional carpa da Alameda a súa obra Dinosauros, e as formacións valencianas La Estrella, que actuará no Teatro Principal con El gato con botas, e La Carretera, que representará no CSC de Santa Marta a súa proposta infantil Vicente, el Pirata Valiente.

Ao longo desa segunda semana de outubro —a excepción da quinta feira día 12, festivo e por tanto non lectivo para as e os escolares— actuarán formacións galegas como Títeres Alakrán, Luís Vallecillo ou Mircromina. Tamén se atoparán no cartel nomes destacados do panorama da escena de monicreques arxentina como son Manu Mansilla ou El Lucero, que representarán os seus espectáculos matinais os días 11 e 13, respectivamente.

O programa de funcións ampliarase por segundo ano consecutivo máis aló das marxes oficiais do Festival Galicreques. Así, entre o 16 e o 18 de outubro ofreceranse catro funcións a maiores da man das formacións galegas Títeres Brincadeira e Danthe Teatro e a zaragozana de Teatro Arbolé. Estas citas decorrerán no edificio SGAE e no CSC de Santa Marta.

Para levar o seu alumnado a estas representacións, os centros de educación poden anotarse xa. Para formalizar a inscrición é necesario chamar aos teléfonos 981 801 237 e 667 771 147 ou escribir ao enderezo de correo electrónico [email protected].

Comentarios