Cultura

O festival FICBUEU procura guións de curtametraxes

Unha actividade de apoio a novas creadoras audiovisuais
Participantes do FICBUEU.
photo_camera Participantes do FICBUEU.

A organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu lanza este ano unha actividade de desenvolvemento de guión. O programa terá lugar no marco da 13ª edición do certame, aínda que o prazo de inscrición está xa aberto de maneira virtual, até o 30 de xuño. As persoas interesadas en participar deberán enviar o guión do seu proxecto de curtametraxe a través do formulario dispoñíbel na web do evento, onde tamén se poden consultar as bases completas. A asociación FICBUEU seleccionará entre as recibidas catro propostas, que despois serán titorizadas por integrantes da Asociación Galega de Guionistas (AGAG) nun obradoiro que transcorrerá o día 12 de setembro.

Entre as finalidades do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que este ano se celebrará de 11 a 19 de setembro, atópase a de "fomentar os novos valores do audiovisual galego". Dentro deste obxectivo encádrase a actividade que veñen de anunciar, que permitirá impulsar proxectos de autoras da Galiza, poñéndoas en contacto con profesionais da industria que contribuirán ao seu fortalecemento.

As bases estabelecen que a participación está aberta a calquera guión de curtametraxe que aínda non teña sido filmada, aínda que o proceso de preprodución si que pode atoparse en marcha, mesmo nunha fase avanzada. Poderán concorrer á convocatoria todas as persoas de orixe galega ou que estean estudando ou asentadas na Galiza. Acéptanse tamén guións ambientados no país ou que se acheguen a unha temática fundamentalmente galega. No entanto, o tema das obras será libre e cada participante poderá presentar tantos textos como desexe, sempre no formato profesional que se adoita empregar para esta ferramenta audiovisual. Neste senso, estabelécese un límite de duración do produtos audiovisual dun máximo de 30 minutos, traducido no mesmo número de páxinas segundo a habitual contaxe do medio.

Comentarios