O Festival Ffoco inaugura esta quinta feira a exposición 'Memorias do ceo'

A colección de imaxes pode recompoñer, a través dunha perspectiva inusitada e distante, un retrato da paisaxe e paisanaxe do país e as transformacións acaecidas nos últimos 40 anos.
Unha das imaxes da mostra.
photo_camera Unha das imaxes da mostra.

Memorias do Ceo é o título da exposición fotográfica que inaugura esta quinta feira, 21 de decembro, a Fundación Luis Seoane da Coruña, unha mostra que se enmarca dentro do festival Ffoco, e que engloba o último traballo de Tono Mejuto, partindo da recuperación dun arquivo de fotografías aéreas tomadas ao longo do territorio galego nos anos 80.  

O arquivo, formado por negativos a cor de formato medio e creado pola empresa de fotografía aérea Crazzyfly S.A., componse principalmente de fotografías de vivendas e locais comerciais, aínda que tamén de paisaxes a grande escala e enclaves empresariais como polígonos ou portos. As imaxes foron realizadas nun contexto previo á aparición da fotografía dixital, e antes tamén do uso dos drons para a toma de imaxes aéreas, momento no que a excepcionalidade dos voos sobre o territorio rural galego aínda convertía o feito de ser retratados desde o aire un acontecemento.  

Negocio popular

O equipo que realizaba as fotografías (para a súa posterior venda casa por casa) coñecía esta circunstancia, e realizaba os voos nas horas do mediodía, evitando as sombras proxectadas e buscando esa hora do día na que os habitantes estaban na casa, sendo frecuente atopar nas fotografías persoas que saían a mirar á cámara.

Esta forma de negocio fíxose popular nestes anos en distintas partes do Estado pero especialmente na Galiza, onde o apego á terra e a gran dispersión poboacional, facía deste territorio o lugar ideal para a súa proliferación. 

A colección de imaxes pode recompoñer, a través dunha perspectiva inusitada e distante, un retrato da paisaxe e paisanaxe do país e as transformacións acaecidas nos últimos 40 anos. Estas e outras moitas imaxes do mesmo arquivo poden atoparse durante o tempo da mostra na web www.memoriasdoceo.online.  

Comentarios