Contracultura

Fátima Oroña: "As Estrelas da Noite ten máis de 27 anos e é un grupo unido alén das datas do Entroido"

Fátima Oroña (Tomiño, Baixo Miño, 1969) é a presidenta da Comparsa Estrelas da Noite, da súa localidade natal. O camiño da auga é a temática coa que decidiron desfilar no Entroido e coa que levaron o primeiro premio nos lugares nos que concursaron.
A tomiñesa Fátima Oroña durante un dos desfiles deste Entroido. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A tomiñesa Fátima Oroña durante un dos desfiles deste Entroido. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a idea de levar a auga ao desfile de Entroido?
Sempre tentamos innovar porque non queremos facer máis do mesmo. A nosa foi a primeira comparsa en levar luz, con lámpadas feitas por nós. Tamén levamos temáticas que non estaban vistas, como ramos de flores, caixiñas de música ou bólas de neve. Este era un tema que estaba aí gardado, esperando para saír, desde hai moito, porque nos parecía interesante. Pouco a pouco fomos centrando a idea nas fontes, pero hai que recoñecer que non foi nada doado porque ademais de innovar tamén queremos que sexa algo elegante e bonito. 

—Como se organiza o traballo?
A comparsa leva arredor de 27 anos traballando, polo que co tempo xa fomos collendo experiencia. Cando comezamos eramos 12 mamás, porque todo empezou como unha xuntanza familiar. Entrei eu coas miñas fillas, despois unha curmá coas súas nenas e pouco a pouco chegamos a ser as 70 persoas que somos agora. Por norma xeral comezamos a traballar en outubro, porque queremos agardar a que remate o verán e as festas grandes de Tomiño, as da Virxe do Alivio, que son en setembro. É certo que despois da pandemia tivemos unha parada bastante grande e en 2023 nin sequera chegamos a desfilar.

Eu levo sendo presidenta desde o momento no que formamos a asociación, hai 20 anos, e xa estaba decidida a deixalo porque é moito traballo. Con todo, chegou a época de Entroido do ano pasado e xa volveron tocar a miña tecla sensíbel, porque vivimos un ambiente moi familiar, así que este outubro puxémonos mans á obra outra vez. Aínda así é certo que é un tempo moi apurado porque as ideas nunca saen á primeira e todas traballamos quitándolle horas ao descanso e ao ocio porque en febreiro hai que desfilar.

—Que lle fixo recuperar a ilusión?
O ambiente que vivimos. É o que fai que toda a xente que entra a formar parte da comparsa dure moitos anos. Sempre dicimos que as estreliñas, como nos chamamos entre nós, temos unha sensibilidade especial. Para nós o Entroido é un sentimento, é unha forma de compartir entre nós e xerar novas vivencias e experiencias. Tamén é certo que somos un grupo moi unido e considerámonos familia. De feito, estamos pendentes ao longo de todo o ano, ao final somos tantas persoas que sempre temos algo que comentar. Incluso cando imos a algún lugar ou a algunha festa falámonos e preguntamos se hai algunha estreliña por aí para compartir tamén fóra da época 
de Entroido.

—A nivel económico, o feito de gañar algúns premios tamén axuda, non?
Por suposto. Evidentemente tentamos que a cuestión económica non sexa o obxectivo principal, mais, sendo realistas, é importante paliar o gasto. Non buscamos gañar cartos nin vivir disto, mais ao final todo sae do noso peto, polo que o que poidamos recuperar é máis que benvido. Cando temos que desprazarnos imos con dous tráilers, un camión, un autobús... Todo isto, xunto cos materiais que utilizamos, vale moito diñeiro e se tivese que saír só de nós non todo o mundo estaría disposto, nin podería pagalo.

Como digo, hai moita satisfacción, por suposto, porque están recoñecendo o noso traballo e a nosa idea tamén é desfrutar. E precisamente para poder esquecernos un pouco da cuestión económica gústanos ir a sitios nos que xa che dan unha axuda económica para compensar todos estes gastos.

Comentarios