Fasero acusa de mentiroso a un Reixa que se ausenta do xuízo

A AGADIC, a SGAE e agora o xulgado. Xoán Carlos Fasero e Antón Reixa volven relacionarse desta volta na vista pola demanda do primeiro por despido improcedente da SGAE cando o segundo era presidente. Fasero acusa a Reixa de mentir e Reixa auséntase da vista oral á que fora convocado. A fiscalía responsabilízao de ocultar información. 

Xoan Carlos Fasero
photo_camera Xoan Carlos Fasero

Antón Reixa non apareceu nos xulgado número 2 de Ourense onde fora citado para declarar na causa da demanda de Fasero por despido nulo e improcedente. Era o terceiro episodio dunha historia que comeza cunha subvención de 142.000 euros pola Axencia Galega de Industrias Culturais da Consellería de Cultura dirixida por Fasero á un espectáculo da empresa de Antón Reixa e continúa co nomeamento de Fasero como delegado da zona noroeste da SGAE, só uns días despois de deixar a AGADIC, cun Reixa recén escollido presidente. En novembro de 2012 entraba Fasero como representante dunha entidade que apenas medio ano despois xa se tiña librado de un e outro. 

Sen embargo, Xoán Carlos Fasero non ía ficar calado co despedimento e pouco despois de saír da entidade facía pública a presentación dunha demanda de nulidade cun argumentario que deu a coñecer a través do seu blog no que verquía diferentes acusacións contra Reixa. A SGAE tiña acusado ao representante do noroeste de ter ocultado información, en concreto, a subvención concedida á empresa de Reixa. Fasero rexeita a acusación e, antes ben, bota pedras contra o tellado de quen o nomeou na SGAE ao afirmar que é Reixa quen tería que ter informado á SGAE dos cartos recibidos polo organismo público. Desde a fiscalía consideran que Reixa tiña obriga de informar polo tanto faino responsábel do ocultamento de información. 

Fasero volve á música, a Xunta cala

 Xoán Carlos Fasero entregou no xulgado correos e documentación na que tenta defender a súa posición e, entre outras cousas, argumenta que Reixa participou persoalmente na súa selección mais el non na decisión de outorgarlle axuda pública ao espectáculo da produtora de Reixa. No cronograma dos feitos aportado por Fasero, explica que a AGADIC decidira contar con el para representante da zona noroeste antes de ter sido concedido o subsidio a “Galicia Caníval”. 

En menos dun ano, Fasero abandonou a AGADIC, foi despedido da SGAE e regresou á composición, como anunciou nas redes sociais ao afirmar que ten a punto un novo disco. A Xunta, responsábel da xestión de AGADIC, non se posicionou en todo este tempo da subvención concedida polo que fora o director da Axencia á produtora de quen o nomearía para a Sociedade General de Autores e Editores.

Comentarios