A familia retira o tesouro de Alvaro Gil do Museo de Lugo sen destino coñecido

Un tesouro de valor incalculábel para o noso patrimonio deixou de estar hoxe á vista do público despois de que a familia de Álvaro Gil retirase a colección que depositara no Museo de Lugo. Cunha furgoneta e un notario, os familiares levantaron a colección sen previo aviso e sen informar do destino que lle deparan. 

Levantamento da colección
photo_camera Levantamento da colección

 

A familia retira a colección que levaba máis de corenta anos exposta no Museo de Lugo pola vontade de Álvaro Gil despois da sentenza xudicial que vala a súa reclamación. Hai só oito días que o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, anunciara que as negociacións coa familia non chegaran a acordo algún, a pesar de que a deputación ofrecera 2.350.000 euros pola colección ademais de 600.000 para asumir os custes procesuais dun litixio que durou 14 anos e que comezou baixo o goberno de Francisco Cacharro. 

“Sobre esta cantidade, incluíndo o prezo das pezas e custes procesuais, e sobre os prazos de pago, acordado en catro anos que esixían a esta institución un esforzo ímprobo, había un acordo, mais a familia esixía poder reclamar danos e prexuízos polos anos que a pezas non estiveron a dispor dos propietarios”, explicou entón Mario Outeiro, desbotando esa posibilidade polas consecuencias xudiciais que puidera ter para a institución de cara ao futuro. 

A familia só negociou coa posibilidade de compra sobre a mesa e foi a discrepancia económica a que pechou un litixio que dura xa catorce anos. 

Homenaxe a Álvaro Gil 

O Museo de Lugo abriu as súas portas despois do levantamento da colección de Álvaro Gil, sen xa algunhas das pezas máis valiosas do seu fondo, e anunciou que nunha semana a Sala Corredoira abrirá cunha nova proposta expositiva. A delegación de Cultura defendeu que a institución está “en débeda co que foi o gran mecenas e activista cultural” e anunciou varios actos de homenaxe a súa figura, ao coleccionista que permitiu gozar publicamente das súas obras durante máis de corenta anos. 

A Consellaría de Cultura anunciou o inicio do proceso para declarar ben de interese cultural a colección de Álvaro Gil co fin de dotala de protección legal mais, a tal altura, descoñécese cal é o destino que a familia garda para o que está considerado un dos tesouros do patrimonio cultural galego con pezas como o torques de Burela, o colar de Chaos de Barbanza ou o carneiro alado de Ribadeo. 

Comentarios