Falece José María Naveiras Escanlar, gran defensor do galego de Asturias

José Naveiras foi unha figura chave na recuperación do patrimonio na zona Eo-Navia, fundador do primeiro museo asturiano dedicado á cultura popular e gran defensor do galego de Asturias.

Falece Pepe o Ferreiro, fundador do Museo Etnográfico de Grandas de Salime [Imaxe: arquivo].
photo_camera Falece Pepe o Ferreiro, fundador do Museo Etnográfico de Grandas de Salime [Imaxe: arquivo].

Pesar polo pasamento de José María Naveiras Escanlar, máis coñecido como Pepe o Ferreiro, quen faleceu este sábado aos 78 anos, por causa dunha enfermidade. 

Naveiras Escanlar foi o fundador do Museo Etnográfico de Grandas de Salime (Asturias) en 1984 e director do mesmo até o ano 2010.

Ferreiro impulsou este museo na súa localidade natural, o primeiro especializado na cultura popular asturiana e galega, que a día de hoxe ofrece unha colección de preto de 20.000 pezas e que nos seus 3.000 metros cadrados preservan a memoria dos usos e costumes da rexión, un museo público de carácter comarcal, cuxa misión é “reunir, custodiar, conservar, incrementar, investigar, comunicar e difundir o patrimonio material e inmaterial de carácter etnográfico das comunidades do occidente de Asturias”, mais tamén da Galiza e da intrahistoria que une as diferentes comarcas limítrofes. 

Pepe o Ferreiro foi ademais un dos grandes impulsores da lingua e a cultura galegas, portavoz de diversos movementos en defensa do galego de Asturias e grande activista social na zona Eo-Navia. 

Comentarios