Cinema

Facom Fest, o festival de cinema do estudantado galego

A selección inclúe numerosas estreas, pero tamén obras con traxectoria previa en festivais. O festival comezará a próxima semana.
Fotograma de 'Toxos', de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón.
photo_camera Fotograma de 'Toxos', de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón.

O vindeiro 27 de novembro comezará a segunda edición do festival de cine dirixido ao estudantado galego, o Facom Fest. O festival compostelán recibiu un total de 69 inscricións, das cales foron seleccionadas 29 dentro da súa Sección Competitiva e 8 na Sección Non Competitiva. Este ano, ao permitirse a participación de todo o estudantado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego, as pezas son de procedencias variadas e de distintos niveis formativos. 

Entre as obras seleccionadas, doce pertencen á categoría de Ficción, incluíndo pezas que xa tiveron presenza noutros festivais, como Tara de Rebeca Tella e Daniel Filloy (seleccionada en Curtocircuíto ou no Vitafest de Santiago de Chile) ou Doente de Noelia Sánchez, estreada no Festival de Aranda 1503.

No caso da categoría de Non Ficción hai un total de nove obras, que abranguen dende a tradición documental até a experimentación ou o uso do material de arquivo doméstico. Da mesma forma, entre as pezas atopánse títulos galardonados noutros festivais, como Tan só o demo lembra, de Dani Iglesias (Premio do Público do Festival Cine y Zona); ou Vulgaris, de Mario Fernández (Segundo Premio Xuventude Crea), mentres De: Mí, Para: Yo, de Jean Michel Vidal ou Película, de Alba Amoedo, terán a súa estrea nesta edición do Facom Fest. 

Nova categoría

Nesta edición, o festival implementou unha nova categoría dirixida a valorar a creatividade e traballo detrás dos videoclips. Moitas destas creacións estreáronse a través de redes sociais e plataformas, pero o Facom Fest supón o primeiro espazo público de exhibición para a maioría delas e presenta unha mostra da produción musical galega recente. 

Estas tres categorías estarán tamén representadas na sección Non Competitiva. Ás obras de Lucía Estévez, Helena González, Paula Fuentes ou Iago Vilarinho, convidadas polo equipo de programación do festival, súmanse agora diferentes pezas fóra de competición. 

As proxeccións terán lugar nas tardes dos días 27 ao 30 de novembro e súmanse así a un elaborado programa de actividades que acolle a Facultade de Ciencias de Comunicación da USC excepto o día 28, no que o Facom Fest se trasladará á Facultade de Filosofía. 

Comentarios