Unha exposición recupera a memoria do Consello da Mocidade

“Rexurdir do nacionalismo galego. Do piñeirismo ao Consello da Mocidade” é o título da mostra que nos achega ao primeiro intento de organización do nacionalismo aínda en tempos da ditadura.

.
photo_camera .

Promovida pola Área de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e organizada pola Fundación Moncho Reboiras, a exposición “Rexurdir do nacionalismo galego. Do piñeirismo ao Consello da Mocidade” trata de recuperara a memoria histórica daquel primeiro intento de organización do nacionalismo que xurdiu hai agora cincuenta anos.

O acto de inauguración da exposición terá lugar hoxe día 17, ás 20:00 horas na Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo e nel participarán o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, o director da Fundación Moncho Reboiras, Manuel Mera e dous dos protagonistas que aportan a memoria viva do momento, Saleta Goi e Bautista Álvarez, os dous integrantes do Consello da Mocidade.

Mostra, libro e documentario

O proxecto inclúe ademais da exposición, un libro e un documentario que recuperan a historia do Consello da Mocidade, dos que foron coordinadores Uxío Breogán Diéguez e Xoán Carlos Garrido Couceiro que percorren a historia desde o inicio da represión franquista ate a creación do Consello da Mocidade, o xermolo da reorganización do nacionalismo galego.

A exposición que agora se abre no Museo de Lugo recolle paneis que percorren a traxectoria histórica ademais de documentos de distintos tempos así como un adianto do que será o documentario arredor do Consello da Mocidade. “Dura moi pouco, mais ten unha importancia vital no nacemento das novas organizacións políticas. Trátase do primeiro intento de reorganizar o nacionalismo político e da súa ruptura nacerán o PSG e a UPG”, apunta Manuel Mera, director da Fundación Monto Reboiras, responsábel do proxecto. 

“O nacionalismo non quedou totalmente roto despois do golpe militar. No exterior estivo presente a través do Consello de Galiza e as Irmandades Galegas que promoveron a organización no país. O caso de Antón Moreda é unha proba como tamén o son as cartas de Castelao a Piñeiro ou o papel do Consello de Galiza tratando de revitalizar o PG. O Consello da Mocidade trataba de romper coa estratexia culturalista e constituíase como organización política”, explica Mera.

                           

Comentarios