A visita virtual conta cunha 'videoinstalación envolvente'

A exposición 'As miradas de Isaac', dispoñíbel para consultar na rede

As miradas de Isaac é unha mostra retrospectiva que homenaxea o intelectual galego no Museo Gaiás e que agora se pode visitar en liña a través da web da Cidade da Cultura.
isaac_cdc
photo_camera Isaac Díaz Pardo. (Foto: Cidade da Cultura)

Ana Isabel Vázquez Reboredo, xerente da Fundación Cidade da Cultura, foi a encargada de a presentar hoxe o modo virtual da exposición As miradas de Isaac

"Quixemos adaptarnos ás novas circunstancias porque a cultura é segura, a cultura segue e a tecnoloxía permítenos levar a cabo proxectos, aínda que doutra maneira".

A mostra, comisariada polos fillos de Díaz Pardo, Xosé e Camilo Díaz Arias, conta con 263 obras de arte, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais de todos os ámbitos cultivados polo intelectual: a pintura, a cerámica, o deseño, a escritura e tamén a iniciativa empresarial. 

As miradas de Isaac trata de "situar como merece na historia da Galiza o responsábel de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou o Instituto Galego de Información", entre outras, aclaran.

Todos os contidos, como indicou a directora do  Gaiás, "dixitalizáronse", de forma que "non se perda nada de información", respecto da visita presencial á mostra. "Pódense explorar 589 pezas, nas que podemos parar para estudar e afondar na información mediante unha icona que amplía a imaxe e os datos ao premer nel", comentou Vázquez Reboredo.

A visita virtual divídese en 10 seccións ás que se pode acceder libremente mediante un menú despregábel, mais tamén hai un itinerario "marcado e recomendado para que a persoa visitante non perda nada".

Vázquez Reboredo destacou a existencia dunha sala inmersiva, cunha videoinstalación envolvente creada a partir de material de arquivo da fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz e o realizador Jordi Cussó.

Comentarios