Contracultura

Eva de la Torre: "En Lugo mantívose en pé un muíño grazas a que estaba en funcionamento até hai pouco"

Eva de la Torre é unha das integrantes da Asociación de veciños de Orbazai (Lugo), así como unha das autoras da publicación sobre as construcións tradicionais escrita en colaboración co Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela e que agora ve a luz.
Eva de la Torre é integrante da asociación veciñal de Orbazai, da cidade de Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Eva de la Torre é integrante da asociación veciñal de Orbazai, da cidade de Lugo. (Foto: Nós Diario)

—Cal foi o percorrido de As construcións tradicionais da Parroquia de Orbazai desde que se escribiu en 2013 até agora?
A directiva que estaba nese momento na asociación fixera un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela. Así, Juan Ortiz, docente e coordinador desta obra, colaborou coa veciñanza para facer un inventario de todas as construcións tradicionais que había na parroquia, clasificadas segundo fosen vivendas, construcións de almacenamento, naturais -como os valados- ou anexas -como os fornos ou os muíños-. 

Desde o Departamento de Enxeñaría Agroforestal tamén levaron a cabo a parte máis técnica, utilizando ferramentas para observar o terreo ou, por exemplo, a fachada da igrexa. A nova directiva decidiu coller ese relevo e, grazas a unha subvención da Deputación de Lugo, o traballo puido ver a luz e darse a coñecer en forma de libro. Agora tamén está dispoñíbel a versión ampliada e revisada na web da USC.

O certo é que na parroquia está tendo moi boa acollida, é todo un orgullo poder ver edificacións que a veciñanza recoñece. Porque unha cousa que se fixo e que a min persoalmente me parece moi bonito foi partir das fotografías que había no arquivo do catastro, que datan dos anos 60, e volver a eses lugares para ver como evolucionaran as construcións. 

—Cal era o seu estado xeral?
Un dos casos máis salientábeis é o dos muíños. Hai sete catalogados, mais só un está en pé. Era un dos poucos muíños en Lugo e arredores que estaba en funcionamento até hai pouco, dos demais só quedan os restos. Intentamos falar disto tamén porque ese muíño está en pé e coidado porque é dun veciño que seguía co seu labor de muiñeiro.

É moi importante que quen teña construcións tradicionais, ben sexan vivendas ou ben doutro tipo, habitalas, vendelas ou facer algo con elas para que estean vivas. A cuestión é que, dun modo ou doutro, temos que conseguir que o patrimonio estea o mellor coidado posíbel. 

—Sendo unha obra tan colectiva, cal foi a súa participación nela?
Juan Ortiz fixo un labor fermosísimo integrando todos os nosos artigos de forma que ao final non se sabe que parte fixemos cada persoa, mais eu participei no proxecto dando a miña achega a través do léxico, como nomeamos as diferentes partes e construcións, porque é unha cuestión que me gusta moito da etnografía. Eu son de Humanidades, mais sempre teño esa cousa como de querer colaborar con persoas doutros campos. Por iso, pareceume moi interesante ver todo o que fixeron tecnicamente desde o departamento, observar a interacción de ambos os mundos. 

Ademais, como veciña da parroquia tamén puiden achegar a miña visión a través de conversas con diferentes persoas ás que lles preguntaba como se falaba de certas cuestións. Foi unha parte moi bonita para min, porque cando se escribiu o libro había xente que xa era maior daquela e a maioría das persoas coas que eu falei xa faleceron. 

É como unha forma de que quedase recollida esa sabedoría que elas tiñan. Para min tamén era moi importante pór o foco aí, no que temos, para que a xente o puidese valorar, por iso tamén me parece fundamental que hoxe estea publicado neste formato de libro. É un traballo moi profesional feito por parte da Universidade, mais tamén é algo moi sinxelo que pode chegar á xente de forma moi doada, polo que é moi fácil que as persoas se fagan máis conscientes de todo o que teñen ao seu arredor. 

Moitas das cousas que temos na nosa parroquia tamén están presentes noutros lugares da Galiza, polo que a nivel xenérico, o libro tamén pode servir para divulgar o patrimonio. Con todo, é moi bonito que a xente de aquí se sinta tan identificada coas construcións das que falamos na obra e que sexan quen de recoñecelas a través desas fotografías comparativas. 

Comentarios