Caderno de Verán

As estrelas agóchanse no rural

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación Astronómica Sirio recoñecen que a iluminación na Galiza dificulta ver as estrelas e os planetas en todo o seu esplendor. Ademais, a Covid-19 parou as saídas divulgativas para orientar a xente.
astronomía
photo_camera Unha das saídas nocturnas das persoas asociadas a Sirio (Foto: Asociación Sirio)

O  amor polo ceo, pola lúa e as estrelas rexorde para moitos no verán. Esas noites longas nas verbenas ou despois delas dan para analizar a iluminación natural do país. Unha crenza estendida é que Galiza debería ser un bo sitio para practicar as artes da astronomía pero non é tan bonito como semella. As estrelas están a agocharse no rural e, cada vez máis, en zonas moi concretas que só as e os entendidos atopan. 

O presidente da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra, David Filgueira, revela que "na Galiza é complicado ver o ceo escuro, evitar a contaminación luminosa", por iso normalmente os grupos de afeccionadas marchan lonxe das zonas urbanas para vixiar constelacións e planetas. 

"A contaminación lumínica é moi grande, sobre todo en bisbarras como a de Ferrol", incide o coordinador xefe da sección de Astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Marcos López. 

"Cando estás na cidade ves 30 ou 40 estrelas, pero nun ceo escuro a simple vista podes ver 3.000: a diferenza é moi grande", subliña, amosándose crítico con que haxa "unha contaminación moi uniforme" nun momento no que o "turismo de estrelas está medrando". A explicación a esa uniformidade tena López: "Hai moitos núcleos rurais pero están moi dispersos de maneira que está todo iluminado". 

Se a pesar diso apetece buscar os titileos no ceo, sinala cabo Prior como un sitio no que ver algo. Tamén nunha parte das Cíes, A Veiga ou Muras. Filgueira recomenda acudir "á montaña de Pena Trevinca, O Courel e Os Ancares", mais advirte de que "en zonas rurais vese moito mellor pero segue habendo máis luz que na época dos nosos avós". 

Non porque haxa demasiada luz, que tamén, senón porque "iluminamos moi mal". En xeral, as persoas que queiran introducirse neste mundo terán que facelo por si mesmas.

Poden "distinguir Xúpiter porque ten máis brillo que unha estrela e Saturno porque está preto". As entidades sempre organizaron actividades divulgativas, así como saídas á natureza, pero de momento a ameaza do coronavirus mantén todo iso un pouco paralizado. 

Comentarios