VITUCO NEIRA, CANTANTE DE RUXE RUXE

“Estes 20 anos para nós pasaron en 20 segundos”

Ruxe Ruxe cumpre 20 anos e celébrao con novo disco que está a piques de saír do forno, ’20 segundos’. Mentres, van publicando cancións-pílulas en forma de videoclip e avisan a navegantes: non van parar de facer cancións até a fin dos tempos.

ruxeruxe
photo_camera Ruxe Ruxe

- Neste novo single que vides de publicar que leva o mesmo título que o disco, ’20 segundos’, falades de que xa nada será igual. 
- Falamos do paso do tempo. Cando te das conta, pasaron un montón de cousas e xa non hai volta atrás. A idea é ir sacando os temas un a un, e sacar logo o disco con formato clásico coas 15 cancións. Está todo en fábrica, estamos agardando que chegue. 

- Como vai ser ese disco?
- É o disco número 10 ou 11, xa non me acordo, e nel falamos fundamentalmente da experiencia destes 20 anos que para nós pasaron en 20 segundos. E todas as cancións falan da nosa experiencia arredor de tocar nun grupo de rock en galego, de facer música desde a aldea de Aríns. 

- Sodes unha das bandas máis lonxevas do rock galego, efectivamente, e iniciades a xira polo país o 10 de decembro na sala Capitol de Compostela. 

- Si, logo continuaremos por todas as cidades e faremos algo por fóra. E o de ser a banda máis lonxeva pois mira, igual fala de que somos un pouco cabezóns, nada máis. De que nos gusta facelo, somos egoístas e pasámolo ben facéndoo, e continuamos porque nos presta sen máis pretensións. O que si é que nos dá mágoa ver que outros grupos quedan polo camiño. Pero tamén viñeron outros novos e vaise a cousa equilibrando. 

- Supoño que con este 20 aniversario botariades ollada atrás para facer balance. Cal é?
- O balance para nós é superpositivo porque creo que cada vez somos mellor grupo. Quero pensar que as cancións son cada vez mellores e que o temos máis claro todo, que melloramos en todos os aspectos. E para nós persoalmente creo que estamos no mellor momento do grupo en canto a funcionamento interno como tamén nos festivais. Custou moito traballo, pero agora temos un público bastante fiel e a cousa vai superben. E a nivel da escena galega, dá un pouco de mágoa que non se lle presta a atención que se lle ten que prestar aos grupos de aquí, que mediaticamente non se lle dá valor e vivimos nunha loita continua para saír do ostracismo e dá mágoa porque hai grupos e propostas espectaculares, que están facendo cousas moi boas pero que custa moitísimo asomar a cabeza aos medios e á xente. 

Creo que cada vez somos mellor grupo. Quero pensar que as cancións son cada vez mellores e que o temos todo máis claro, que melloramos en todos os aspectos.

- Ti que opinas do momento actual?
- Eu creo que vivimos un momento espectacular desde hai uns anos cara aquí, no que hai na música cantada en galego unha diversidade de estilos e de estéticas que hai 15 anos eran inimaxinables. Entón creo que un momento moi bo, e creo que hai que salientar que as novas bandas cada vez tocan mellor, subiu moito a calidade e a proba está nos festivais. Os grupos de aquí dan a talla cando teñen que compartir escenario con xente de fóra. 

- Ademais de lonxevos sodes moi prolíficos. Antes falabas de 10-11 discos, pero na vosa web referenciades 13. 
- Son moi malo botando contas, pero aí hai algunha maqueta, outros con rarezas. Pero o de ser prolífico é porque nos gusta moito, non hai maior segredo. Gústanos moito, ensaiamos todo o ano, levamos 20 anos sen parar de ensaiar 2 ou 3 veces á semana, entón claro, que imos facer? Cancións, tampouco me parece tanto. Nós facemos cancións cando non temos concertos e logo xuntámolas para facer un disco. Non creo que sexa algo extraordinario. O que pasa é que agora os grupos non gravan, non sei por que, está moi de moda gravar EPs, cousas máis pequenas. Pero para nós non é un traballo. E temos un montón de material inédito que supoño que iremos sacando nos vindeiros anos. Temos gravados un par de concertos en directo, que cando teñamos tempo poñerémonos a currar con iso. E todo isto é egoísmo, facémolo porque nos mola. 

Creo que vivimos un momento espectacular desde hai uns anos cara aquí, no que hai na música cantada en galego unha diversidade de estilos e de estéticas que hai 15 anos eran inimaxinables.

- E o futuro, como o ves?
- O futuro non está escrito, como dicía Joe Strummer. Eu quero pensar que se todo vai ben e non hai nada extraño, que o grupo quere continuar moitos anos, porque non temos nada que nos preocupe nese sentido. Non temos ningún desgaste, estamos nun momento super doce e somos super optimistas, que imos seguir tocando moitos anos, que imos seguir facendo discos e facendo o que máis nos guste. Pero vaite ti saber, igual mañá cae un meteorito e morremos todos. 

Comentarios