CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Esquece Monelos

esquece2
photo_camera Un fotograma do documentario

ESQUECE MONELOS

(Galiza 2016, 77 min. - Documental) 

Dirección: Ángeles Huerta

Guión: Ángeles Huerta e Antón Núñez

Música: Sergio Pena

Fotografía: Jaime Pérez

SINOPSE

Baixo as rúas da Coruña hai un río que moitos esqueceron mais, de cando en vez, desborda reclamando o que unha vez foi o seu percorrido.

CRÍTICA

O río coma metáfora da vida, e do paso do tempo, adoita ser un dos recursos máis utilizados na literatura en xeral, e na poesía en particular. Fernando Pessoa, Manuel Bandeira ou Rosalía de Castro tiveron inspiración fluvial para crear poemas inmortais. Por suposto tamén temos innumerábeis exemplos de ríos cinematográficos famosos: o Ganxes no filme O río (1951, Jean Renoir), o Mississippi en Magnolia (1951, George Sidney), o Nilo de Cleopatra (1963, Joseph L. Mankiewicz), o Amazonas na xenial O abrazo da serpe (2015, Ciro Guerra) ou os míticos ríos eternos de Howard Hawks, entre outros moitos...

Ángeles Huerta, realizadora asturiana afincada en Galiza, debuta na longametraxe cun documental sobre un río que, nin é famoso, nin é río... foi, pero xa non... Fai tempo que non é máis que a sombra dunha pantasma que discorre polas entrañas dunha cidade, A Coruña, cidade que practicamente esqueceu que por alí pasaba un río, o río Monelos, senón fora porque unha rúa que leva o seu nome, unha escultura nunha rotonda e dúas pontes encárganse de manter, a duras penas, a volátil memoria. Só as xentes máis vellas do lugar acertan lembrar como era antes aquela Coruña na que había un río que formaba parte das súas vidas; hai algunha que asegura incluso que, en certas zonas da cidade, é quen de escoitar o murmurio da auga por baixo da lousa de cemento que o sepultou nas cloacas subterráneas co pretexto do progreso.

Esquece Monelos é un documental pero tamén é unha historia introspectiva, con tinturas autobiográficas, na que a propia directora ispe a súa alma a través dos seus pensamentos máis profundos. Desde os primeiros minutos é quen de relacionar a historia do río Monelos directamente coa idiosincrasia humana e a rede neuronal. “Hai máis neuronas nun cerebro humano que partículas no universo. Pero se puidéramos poñelas unha detrás doutra, o único que veríamos sería un pequeno río. Un río insignificante e ao mesmo tempo infinito.”

Contada en primeira persoa, alterna entrevistas a cámara xunto con imaxes de arquivo para apoiar a súa narración sobre o que realmente quere contar: como mantemos os recordos, como esquecemos, como pensamos. Testemuños de persoeiros de recoñecido prestixio, coma ex alcaldes ou ex concelleiros, altérnanse coas lembranzas de xentes anónimas (veciños e artesáns, paios e xitanos) ás que Ángeles Huerta dá voz e pon faciana, unhas facianas que acaban por se converter nas verdadeiras protagonistas desta curiosa viaxe ao interior máis profundo do ser humano, unha viaxe a través da canle dun río que xa non é río...

Esquece Monelos desenmascara tamén o voraz pragmatismo urbanístico que adoita especular sobre terreos habitados en nome do progreso e da expansión inmobiliaria. Porque para construír primeiro hai que derruír, ou iso din, e por iso a cidade da Coruña ten o aspecto que ten hoxe en día... Pero, onde está o límite? Hai alternativas aparte de desafiuzar os máis desfavorecidos? Todo vale? As imaxes tratan de ser descritivas dunha realidade “socio política” que enlaza pasado con presente, memoria con esquecemento, embora a inusitada sensibilidade sensorial que desprenden os seus planos achégana máis á “socio poética”: o movemento da cámara flúe coma a auga, as miradas falan, os silencios retumban nas tempas... 

O filme foi galardoado con tres Premios Mestre Mateo (documental, fotografía e montaxe), obtivo tamén unha Mención especial do xurado no Documentamadrid e acadou o premio a Mellor filme galego na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.

O filme foi galardoado con tres Premios Mestre Mateo (documental, fotografía e montaxe)

Adoita pasar no cinema etnográfico que canto máis particular e remota sexa unha determinada zona do planeta, máis universais se desvelan as historias que conta, por tanto non estamos ante un filme localista só para os coruñeses e coruñesas, é cinema universal que transcende máis aló do espazo concreto onde acontecen os feitos. 

Ángeles Huerta consegue unha das achegas máis orixinais, honestas e valiosas do cinema galego dos últimos anos. Unha oda ás lembranzas borrosas nun marco de recoñecemento a aquilo que foi ...e deixou de ser. No vindeiro proxecto, ten pensado adaptar un relato de Méndez Ferrín, así que haberá que seguir o seu traballo moi de preto...

Comentarios