martes 11/05/21

Espionaxe, amor e crime no camiño de Santiago

Se cadra o mundo non mudou tanto. Hoxe o camiño está tanto, ou máis, masificado do que na Idade Media. Como daquela hai roubos e asasinatos. E historias de amantes e de amor.

Fernando II
Fernando II

Non creo que exista ningunha razón –similar á que guía os ñus que cada ano atravesan o continente africano- para explicar os motivos polos que millares de persoas, desde o século IX, comezaron a se dirixir a Compostela “en romaría”. Pouco importa que haxa ou non haxa enterrados en Compostela os ósos dun Apóstolo. O único evidente é que unha extraordinaria operación, hoxe diríamos mediática, conseguiu atraer para Santiago, durante centos de anos, todo o ouro, todo o poder e toda a luxuria deostada desde o púlpito por incansábeis predicadores.

E tamén episodios de espionaxe, de crimes pasionais e de asasinatos. Unha extraordinaria operación que converteu Compostela en centro de atracción para todo tipo de persoas, incluídas, claro, as que viaxaron por crenza relixiosa. Unhas e outras foron tantas que mesmo Alí ben Yusuf, emisario do rei Miramolín, que veu parlamentar con Dona Urraca e o seu fillo Afonso e visitou por curiosidade a basílica, á vista de tanta xente exclamou: “ Por Mahoma! Ten que ser moi poderoso no ceo este a quen lle apoñen tanto culto na terra”

Tanto era o poder e tanta a riqueza de Compostela que, xa desde case as orixes das peregrinaxes, atraiu xente disposta a se aproveitar desas riquezas. Os normandos, seguramente vikingos, foron os primeiros en saber desas riquezas e no ano 858 presentáronse en Compostela, que tiña sona de gardar grandes tesouros, con ánimo de a saquear. Mais os composteláns optaron por negociar e pagar tributo. Claro que esta rápida promoción de Compostela entre as xentes do norte tivo moito a ver coa presenza en Santiago dun famoso poeta normando, que pasou uns dous meses “a gastos pagados” para dotar Compostela dun nome no mundo. E conseguiuno, pois agás Roma “non había en Europa un lugar máis nomeado que o Xacobe de Galiza”.

Os normandos, seguramente vikingos, foron os primeiros en saber desas riquezas e no ano 858 presentáronse en Compostela, que tiña sona de gardar grandes tesouros, con ánimo de a saquear

De crermos López Ferreiro, e non hai motivo para o non facer, Compostela era a cidade famosa, a cidade nomeada, a cidade venerada. E era así porque da igrexa de Santiago “era tributaria casi toda Europa. Era tributaria por las muchas legiones de peregrinos que de todas partes afluían para rendir a nuestro Santo Apóstol homenaje de amor y veneración; era tributaria porque en casi todas las naciones, incluso la misma Italia, se donaban tierras y posesiones o se legaban ofrendas para la Iglesia de Santiago

Centro de espionaxe.

Os peregrinos levaban o seu traxe de romeiro, mais o traxe de romeiro ocultaba, por veces outros encargos, outras empresas. Así, en 1119, estando bloquedos os portos galegos por naves musulmáns (o que levou a que no ano seguinte, 1120, Xelmírez criase o que podemos chamar a primeira armada galega) e tendo o rei de Aragón ditado prohibición de paso polas súas terras de persoas ou mercadorías procedentes de Compostela, altos representantes da curia compostelá tiveron que saír, disfrazados de romeiros, con cartas para o Papa.

ConxoCon todo, seguramente un dos episodios de espionaxe máis coñecidos, aínda que o bispo o negou, foi o acontecido en 1579. Neste ano a cantidade de franceses, varóns e mozos, que se botaron ao camiño puxo en alerta o rei Felipe II, que no ano seguinte sería coroado rei de Portugal. Porque o rei pensaba, e así llo fai saber ao arcebispo en carta, se aqueles franceses farían a viaxe “con intención de pasar a Portugal y apoyar la resistencia de este pueblo a incorporarse a España”. O arcebispo contestoulle que, efectivamente, estaban a chegar moitos franceses, uns 200 só na Semana Santa, que xa veñen confesados e que chegarán moitos máis até o día de Santiago. Os franceses dormen en mesóns, no piden esmola e, na súa opinión e do que se desprende das conversas que escoitan os mesoneiros, non traen armas, polo que non deben ser soldados senón labradores.

Ladróns

Un dos grandes problemas para os romeiros eran os ladróns, non só durante o traxecto, mais tamén chegados a Compostela. Normalmente atacaban os romeiros para os despoxar do que levaban, sen lles producir danos físicos. Para a defensa dos peregrinos fundouse a orden dos Cabaleiros de Santiago e o rei Fernando II foi un dos principais impulsores de limpar de foraxidos o camiño e protexer e dar escolta aos peregrinos que viñan a Compostela.

E cando as forzas de orde non conseguían actuar, pois alí estaba o santo: en 1175 a condesa Sofía de Holanda fixo o camiño a Compostela. Á volta saíronlle uns ladróns ao camiño. Asaltárona e craváronlle varios puñais para a matar mais non conseguiron facerlle nin unha soa ferida. Abraidos –e decepcionados- caeron de xoellos aos seus pés.

Moitos destes asaltadores, unha vez xulgados, eran condenados a facer o camiño. Porque a peregrinaxe foi tamén motivo de redención de castigos públicos, especialmente dos de apostasía, homicidio e adulterio. Neste caso era forzoso submeterse a sentenza pública ou, non sendo así, a peregrinaxe a Roma, Santiago ou Xerusalén. Lembremos como a nosa literatura medieval fala da viaxe de María Balteira a Xerusalén. A condena “facer o camiño” foi considerada como unha das mellores maneiras de punir as rebeldías, ou levantamentos, dos cregos. Claro que os perigos tamén se presentan tan abondosos que non era fácil escapar deles. Xesús Carro fálanos así do tramo entre Portomarín e Palas: “Serventas do demo engaiolábanos para tentalos nas súas albergarías. Zurrupios, mulleres de mala vida, baldreus, saíanlles ao paso”

O camiño a Santiago non debía ser fácil pois o médico inglés Andrew Boorde, que veu a Compostela e tamén foi a Xerusalén, afirma que prefire cinco peregrinaxes a Roma e non unha ao “bon Xacobe da Galiza”.

A condena “facer o camiño” foi considerada como unha das mellores maneiras de punir as rebeldías, ou levantamentos, dos cregos

Seguramente polos roubos, pola dureza da viaxe e por outras razóns se estableceu o costume de moitos peregrinos celebraren os ritos mortuorios antes de partiren. Ademais de faceren testamento.

Tamén historias de amor

Se Compostela era a cidade máis famosa, a cidade máis nomeada, a cidade máis venerada é lóxico pensar que, ademais da fe, houbese outros motivos para a visitar, por exemplo vir en viaxe de noivos. Foi o que fixo o rei Luís VII de Franza cando, en segundas nupcias, casou con Constanza de Castela (antes estivera casado con Leonor de Aquitania). E tamén hai historias de amantes no Camiño, amantes que morren a mans do rival. Foi o caso de Alberico de Canogio. Mais Rudesinda, nobre dama francesa, impresionada pola morte do seu amante, recolleu o cadáver de Alberico e levouno a Compostela. Ao chegar viu un espazo en que voaba unha bandada de pombas. Considerouno sinal divino para o enterramento, deulle sepultura e fundou no lugar un cenobio onde ela profesou para o resto dos días. Foi o mosteiro de Conxo, moitos anos despois utilizado como manicomio provincial.

Mais a loucura xa é outro camiño!

Foto interior: Mosteiro de Conxo

Espionaxe, amor e crime no camiño de Santiago
comentarios