A escultura galega, a debate en Sermos Galiza

O semanario, que estará nos quiosques este sábado, tamén analiza a realidade actual das verbenas en plena eclosión de festivais e entrevista Beli Martínez, unha produtora que vén de ser recoñecida co Premio Chano Piñeiro do Festival de Cine de Ourense.
Unha pequena parte da reportaxe que se publica en Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario) #escultura #arte #cultura #sermosgaliza #semanario
photo_camera Unha pequena parte da reportaxe que se publica en Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

A preguiza gaña ás veces nestes días do estío? Para loitar contra ela o Sermos Galiza deste sábado fornéceche unha proposta cultural ben atractiva, para que non quedes no sofá nin na toalla, deitado sobre a area (se é que é posíbel).

Da man de Daniel Pérez Murado, o semanario achégate algunhas das chaves da escultura galega e indícache onde podes atopar pezas coas que aprender e si... Tamén botar unhas fotografías para as redes sociais, se así o desexas.

Baixo o título 'Tradición e vangarda. A escultura contemporánea galega', o autor fala do Rexurdimento como movemento fundamental e analiza distintas obras repartidas na Galiza -que farán que venzas esa preguiza- desta arte, unha das “máis respectadas e populares do noroeste”.

Con Pérez Murado poderás reparar na fachada do convento de Santa Clara en Compostela mais tamén comezar a degustar as marcas de artista de Francisco Asorey, Silverio Rivas e Antón Faílde, entre outros.

O novo número tamén analiza a competencia deste verán: verbenas fronte a festivais. Sonia Dapena asina a reportaxe 'Boom de festivais. Substitúen as verbenas mais... ficarán na axenda?', na que teñen cabida diversas perspectivas sobre a posibilidade dun cambio de ciclo.

Pola súa banda, o xornalista Manuel Xestoso entrevista Beli Martínez, produtora detrás de distintos filmes galegos como Arraianos ou Longa Noite. En 'Beli Martínez. A sombra do novo cinema', ambos falan do Premio Chano Piñeiro, que lle outorgou o Festival de Cine de Ourense, do cinema galego actual e dos proxectos de futuro, entre outras cuestións.

Pasear, ler e escoitar

Nesta ocasión, o Colectivo Xea -Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- tamén sae a gozar do tempo de lecer 'De András ao Faro das Lúas e a Lobeira'.

Queres máis contidos? Non faltan á súa cita as escolmas de literatura, música e cinema. No primeiro caso, son Mario Regueira e Manuel Barreiro os que fan as propostas As desterradas de Carme Varela e a banda deseñada Aldara. A lenda do cervo branco de Inés Vázquez, respectivamente. No repaso musical Olga Brañas alude ao 'Mellor disco do ano!' que, ao seu parecer é Aire de Ameixeiras&Caamaño, e Fernando Montenegro analiza 'O 'Stabat Mater' de Rossini e un clérigo de Ferrol'. Andrés Castro opta por falar da película Charlatán na súa proposta cinematográfica.

No apartado de Deseño, Pepe Barro fornece pistas sobre 'As marcas perdidas' que se atopaban nos cemiterios e na área de Arquitectura, Lázaro Armental asina 'Un mesmo solo'. Por suposto, non faltan os pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Gustaríache ter todos estes contidos da túa man? O único que tes que facer é visitar o teu quiosque de confianza este sábado e solicitar o semanario Sermos Galiza que acompaña Nós Diario, que tamén estará dispoñíbel na nosa loxa en liña. O máis sinxelo para a semana próxima é facer xa a túa subscrición!

Comentarios