Escritoras galegas e do Estado reclaman protexer os seus dereitos

Recolle, de modo prioritario, a adaptación da Lei de Propiedade Intelectual á normativa internacional e europea no actual contexto de implantación e transposición da Directiva Europea sobre Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital.
Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras.
photo_camera Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras.

A recentemente creada Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, da que fai parte a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de aprobar unha plataforma de reivindicacións e demandas dirixidas ás administracións responsábeis, de forma moi especial ao Ministerio de Cultura e Deporte, ás Consellarías de Cultura dos distintos gobernos autonómicos e, dada a complexidade e a transversalidade das solucións, aos Ministerios de Facenda, Seguridade Social e Traballo do goberno central.

A Plataforma de Demanda recolle, de modo prioritario, a adaptación da Lei de Propiedade Intelectual á normativa internacional e europea no actual contexto de implantación e transposición da Directiva Europea sobre Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital.

Tamén se require o estabelecemento de medidas que garantan unha xusta e proporcionada remuneración dos dereitos de autoría polas editoriais, a aprobación dunha normativa concreta que estabeleza sancións exemplares ás editoriais que redacten contratos abusivos e a implementación de mecanismos técnicos eficaces que permitan un estrito control de tiraxe dos libros. 

 

Outras demandas

Outras demandas expostas son: reforzar os niveis de transparencia no proceso de venda de libros, a demanda de compensación económica de escritores e xornalistas polas colaboracións nos medios de comunicación e pola participación en eventos culturais de institucións e entidades privadas, e a regulación de acordo coa normativa europea, da remuneración do préstamo bibliotecario.

Así mesmo, a Plataforma reclama unha nova lei de mecenado que sirva para facilitar o desenvolvemento e o investimento nas industrias culturais, un maior protagonismo dos medios de comunicación de carácter público na promoción da cultura, o incremento dos recursos destinados ás editoriais independentes para a edición de libros ou a creación, no ámbito xudicial, dunha xurisdición de propiedade intelectual.

Comentarios