sábado 25/09/21

A AELG, pola xestión colectiva dos dereitos de autoría

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega súmase á Conferencia estatal para reivindicar os seus dereitos ante a vindeira transposición da Directiva de Dereitos de Autor no Mercado Único Dixital.
aelg_cesareo
Cesáreo Sánchez preside a AELG. (Foto: Nós Diario)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) presentou esta semana, xunto con outras entidades asociativas do seu campo, un manifesto que solicita ao Ministerio de Cultura o recoñecemento da xestión colectiva dos dereitos de autoría, ante a próxima transposición da Directiva de Dereitos de Autor no Mercado Único Dixital.

A AELG está integrada na Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras do Estado Español, que representa máis de 6.000 autores e autoras.

No manifesto que lle remitiron ao ministerio, piden o recoñecemento da “xestión colectiva obrigatoria e a irrenunciabilidade do dereito de autoría" recoñecido no artigo 15 da directiva mencionada. 

Un epígrafe no que se fala dun dereito conexo a favor das editoras e dos editores de prensa, coa participación de autoras e autores, polos usos dixitais que fan dos seus contidos determinados servizos de información como poden ser agregadores ou buscadores. 

Neste sentido, as asociacións que integran a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores lembran nun comunicado feito público onte que “a directiva europea recoñece aos xornalistas e ás xornalistas, ás escritoras e aos escritores e ás persoas de titulares de dereitos sobre obras e outras prestacións vencelladas ás publicacións de prensa unha parte axeitada dos ingresos percibidos pola editora en concepto deste dereito”.

O texto remitido, que se titula Manifesto pro dereitos de autoría para escritoras e escritores, xornalistas e outros autores e autoras reclama do Goberno do Estado “transparencia” no seu tratamento.

Para iso, solicitan o “recoñecemento da xestión colectiva obrigatoria para este dereito unido á consideración de irrenunciabilidade” como única forma de facelo efectivo.

comentarios