Constitúese en Soria a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores

A AELG representará no seu seo as escritoras en lingua galega.
Equipo directivo da AELG. (Foto: AELG)
photo_camera Equipo directivo da AELG. (Foto: AELG)

Os días 15 e 16 de marzo, os representantes de 16 asociacións de escritoras e escritores de todo o Estado -entre as que se atopa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)- que escriben nas súas diferentes linguas, constituirán na cidade de Soria, a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores.

Desde o ano 2016, estas entidades veñen celebrando un Encontro Estatal (en Madrid e Alcalá de Henares) para valorar os grandes asuntos e demandas que afectan, desde o punto de vista profesional e do cumprimento da Lei de Propiedade Intelectual, a escritoras, tradutoras e dramaturgas de todo o Estado. A Conferencia constituirase, así, nunha plataforma estábel de coordinación das citadas entidades ante as distintas Administracións.

Plataforma de demandas

O día 15, as representantes das Asociacións, debaterán e, no seu caso, aprobarán a acta fundacional da Conferencia e a Plataforma de demandas ás Administracións Públicas, así como unha Declaración contra a censura e pola liberdade de expresión e de creación literaria e artística ante a reiteración, nos dous últimos anos, de casos vulneradores do artigo 20 da Constitución levados a cabo por distintas administracións.

A Plataforma de demandas farase pública o día 16. No seu borrador recóllese, de xeito prioritario, a exixencia de culminación do Estatuto da Artista. Tamén se exixirá a modificación da norma que traspón á lexislación estatal a directiva europea sobre Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital e a "axeitada" retribución a autoras e xornalistas polos usos dos seus contidos en Internet, así como a actualización, achegándoa aos estados máis avanzados da Unión Europea, das tarifas por préstamo bibliotecario, entre outras demandas.

Comentarios