Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, organiza no marco das actividades de conmemoración do seu víxesimo aniversario, un acto de recoñecemento de socias de honra da entidade. A vindeira sexta feira retomará esta actividade -iniciada en 2020- coa xuntanza de representantes das súas compañías socias e o círculo máis achegado das novas socias de honra para render tributo á súa traxectoria.
Ancora Producións, Tanxarina -aínda a pleno rendemento- e Lagarta, Lagarta son as produtoras seleccionadas, desta volta, pola Xunta Directiva como Socias de Honra.
A traxectoria das tres compañías está vencellada ao arranque de Escena Galega como asociación sectorial, que actualmente aglutina a máis de medio cento de produtoras de escénicas.
A traxectoria das tres compañías está vencellada ao arranque de Escena Galega
Desde Escena Galega sinalan, a través dun comunicado, que "as tres verán recoñecida a súa traxectoria profesional e importancia para o desenvolvemento do sistema escénico galego contemporáneo, o seu traballo en prol do sector e dentro do seo da Asociación, aínda que dúas non continúen co seu labor na actualidade".
A entidade anunciou a principios deste mes unha nova directiva presidida por Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro) e a incorporación de tres novas compañías.
Vixésimo aniversario da entidade
Esta é a primeira das actividades programadas no marco das previstas para a celebración do vixésimo aniversario de Escena Galega. A asociación constituíuse o 20 de marzo de 2002 por iniciativa de 16 compañías de teatro, entre elas as asociadas actuais Teatro do Noroeste, Teatro de Ningures, Sarabela e Talía Teatro.
Naquel momento rexistrouse co nome de Asociación de Compañías Profesionais de Teatro da Galiza (Asciprotega), pasando en 2007 a usar a denominación actual Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega)
"Vinte anos despois quérese lembrar a traxectoria destas dúas décadas da asociación recoñecendo a tres novas compañías como Socias de honra", aseguran, "un recoñecemento que en febreiro de 2020 comezamos nomeando a Teatro do Atlántico, Teatro do Noroeste e Teatro do Morcego, e que non realizamos en 2021", conclúen.