Protocolos Covid-19

Escena Galega protesta ante as medidas excesivamente restritivas nos espazos escénicos

Non entendes que nas cidades, lugares con capacidade de 1.000 butacas fiquen limitados a 60 persoas e destacan que en todo o proceso de reactivación do sector cultural ningún surto tivo orixe en espectáculos ao vivo.
Salón Teatro (Consellaría de Cultura)
photo_camera Salón Teatro (Consellaría de Cultura)

A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), que aglutina unha parte importante do tecido empresarial e artístico das artes escénicas profesionais na Galiza, fixo pública a súa "fonda preocupación e estrañeza" ante as medidas "absolutamente restritivas" que se están a tomar en relación ao sector na actual e cambiante situación sociosanitaria.

Malia deixar constancia das prioridades de seguridade sanitaria que deben rexer neste momento, consideran que é "difícil de entender en base a que criterios se estabelecen medidas como a restrición de capacidade dos espazos escénicos ou mesmo o feche doutros espazos de actividade cultural como medida preventiva", en referencia ás salas de concertos.

Todo isto cando, segundo destacan, "se demostra que nestes se cumpren, de maneira escrupulosa, as indicacións e medidas hixiénico-sanitarias marcadas polas autoridades".

Neste senso, fan fincapé en que o público mantén en todo momento a distancia interpersoal, empregando máscara. Pola súa banda, os espazos operan con plans de continxencia adaptados á situación, cun control escrupuloso da capacidade dos espazos, medidas de desinfección ou toma de datos das asistentes.

Criterios incomprensíbeis

Escena Galega pregúntase "por que non se continúan a implementar medidas que atendan de maneira específica á porcentaxe de capacidade nos espazos, que blinden (aínda máis) a seguridade do público e das persoas traballadoras da cultura".

A respecto disto, non entenden "que teatros e outros espazos escénicos de 1.000 localidades deban operar en certas vilas e cidades a unha capacidade máxima de 60 espectadores (6% da capacidade total do espazo)".

Ademais, lembran que nestes meses de reactivación da actividade cultural "non se ten detectado nin un só gromo relacionado coa actividade do espectáculo ao vivo".

Comentarios