ICO, CANTANTE DE O SONORO MAXÍN

"A nosa verbena quere ser deste século e con conciencia social"

O Sonoro Maxín vén de presentar o seu novo disco Setedezasete, toda unha homenaxe a un Ourense que non é lugar senón sentimento. Este grupo nace no ano 2007 nesta cidade e xorde da unión de varios músicos de Lamatumbá e Cinnamon Gum. A súa música achégase a ritmos tropicais e bailables buscando crear unha verbena actual e con conciencia. Falamos con Ico, o seu cantante, sobre o seu último traballo que levarán de xira por toda Galiza este mes de maio.

IcoSonoroMaxínfinal
photo_camera Ico, cantante de O Sonoro Maxín

- O Sonoro Maxín fai cumbia que non é cumbia, transforma e versiona ritmos latinos e até empregades nalgún momento o termo “Galiza Tropical”, de onde sae esta paixón por este tipo de música?
- Vén de lonxe, vén dos membros do grupo. Sempre nos gustou achegarnos dalgunha maneira a estes ritmos. Máis que tropicais, a nós gústanos moito o popular. Os ritmos bailables e os que son moi próximos, para poder interpretalos así se queres con banda ou ti soíño ou soíña cun acordeón ou unha guitarra. Os nosos temas están moi próximos a iso. Pero tamén buscamos o que sexa bailable, entón achegámonos aí ás cumbias, aos merengues, ás rumbas precisamente por iso. Tamén ten moito que ver o tema do acordeón. Desde sempre o acordeón está moi presente nos nosos temas. Nesas músicas o acordeón é un instrumento de referencia e por aí van os tiros. O tema de “Galiza tropical” gústanos usalo para unir os dous lugares, os dous momentos ou as dúas referenzas musicais: a galega que é a nosa, e a tropical, que é a referencia á cumbia, ao merengue, etc.

" Na canción deixamos ver moitas das situacións que conseguen que a moita xente o día a día se lle faga como unha guerra case."

- Entendédelo entón un pouco como unha forma de achegar a música ao público?
- Si, claro. É unha maneira de achegar esas músicas. Tamén é un intento por facer a verbena un pouco máis moderna. A verbena nosa, unha festa que sexa de baile pero que sexa máis de agora, que sexa deste século e que estea máis vinculada ao social e á política.

- Quen escoite as vosas cancións enseguida se decata de que distan moito dunha verbena convencional. As letras, para comezar, están cargadas de significado. Que mensaxe buscades transmitir?
- Dentro do baile é remover un pouco os pés pero tamén que a cabeza actúe dalgunha maneira. É cambiar ideas no escenario, cambiar ideas cando escoitas unha canción ou trocalas unhas por outras. Ou transmitir o que ti sentes. É importante. No momento que nos tocou vivir pois están en cada imaxe que vemos, en cada momento que vivimos pois hai cousas coas que non estamos de acordo, que non estamos contentos, contentas, entón pois intentamos transmitir sobre todo dende un punto positivo. Intentamos facer ver que pode ser construtivo, que pode ser, aínda que sexa unha crítica, unha cousa para construír todos e todas xuntas. 

"Queremos facer unha verbena moderna, deste século"

- Neste último disco sacastes unha canción que se titula Así se constrúe unha bomba. A súa letra está cargada de denuncia social e comeza con ritmos de inspiración árabe. Que mensaxe queriades transmitir?
- Agora mesmo vemos cada día nas noticias momentos de violencia, de guerra… nós quixemos facer o contrapunto. É dicir, preguntarnos quen realmente constrúe esas bombas, quen fan realmente que estas situacións sexan posíbeis. Nós temos moi claro e na canción deixamos ver moitas das situacións que conseguen que a moita xente o día a día se lle faga como unha guerra case.

"Queremos remover un pouco os pés coa nosa música pero tamén que a cabeza actúe tamén dalgunha maneira."

- Setedezasete é xa o segundo disco de O Sonoro Maxín, tiñades pensado chegar ata onde chegastes? Cando se decide a gravación deste traballo?
- Nós como grupo temos unha forma de ser un pouquiño fóra do circuíto normal. Nós cando temos cancións novas o que facemos é metelas no directo. As cancións dalgunha maneira, dámoslles un tempo, para que a xente as reciba, para que os amigos, familiares, toda a xente que nos escoita as reciba e que nos veña de volta, cando están un pouquiño maduras. Cando nós e o público as metemos dentro, é o momento de pasar ao estudio. Nesta ocasión, moitas das canción levabamos xa tempo con elas. Hai algunha que incluímos novas porque estaban xa aí a punto de saír pero é unha maneira de facer as cancións, que medren un pouquiño no directo e que a xente faga a súa achega. 

- Como foi a gravación deste disco?
- Contamos coa produción de Marià Roch. A verdade é que foi unha experiencia moi boa.  É moi distinto facer as cancións no directo que preparalas para un disco. Entón quixemos contar cunha produción que non nos coñecese aínda e que puidese facer as súas achegas desde a “ignorancia”. É dicir, collelo con frescura. Creo que nos axudou moitísimo a darlle aínda outra volta á maioría dos temas. 

"Dámoslle tempo ás cancións antes de gravalas, para que as reciban amigos, familia e o público e que nos veñan de volta."

- Comentabas noutras entrevistas que durante a gravación do primeiro CD deixastes un pouco de lado os directos, aconteceu o mesmo na gravación deste novo disco?
- Si, porque tamén como grupo, aínda que nos gustaría, non podemos dedicarnos a dúas cousas ao mesmo tempo. Agora mesmo todos e todas estamos compaxinando o da música con outros traballos. Ademais coñecémonos ben e sabemos que se nos centramos nunha cousiña, van saír mellor as cousas. Agora mesmo despois de tres meses de ensaio, empezamos cos directos e agora xa é o que nos toca. Deixar un pouquiño de lado o tema do estudio até outra volta que nos toque e agora centrarnos nos directos. Pero é simplemente unha cousa de coñecemento do grupo e de como funciona.

- O sete e o dezasete son os días de feira en Ourense e é o nome do voso novo disco, que importancia ten esta cidade para o voso grupo?
- Este disco fala moitísimo de Ourense, fala en moitísimas cancións e fai moitísimas referencias pero o grupo entende agora mesmo Ourense case máis que como un lugar, como un  momento da nosa vida. As cancións fan referenza pois a festas moi persoais que celebramos nós, a amigos concretos… Fala das Burgas, fala do Miño, pero máis que un lugar é unha forma de… , un sentimento, un momento das nosas vidas no que nos sentimos moi ben realmente, moi positivos, con moita enerxía e quixemos pois dalgún xeito reflectilo nas nosas cancións. Falar de Ourense, falar deses momentos bonitos que vives cos colegas, na túa casiña, nos ensaios… Pois foi a maneira de botalo nas letras e nas músicas. Máis que un lugar é un sentimento, un momento da nosa vida, o Ourense das cancións.

"Agora mesmo entendemos Ourense case máis que como un lugar, como un  momento da nosa vida."

- É un momento pasado ou actual?
- É neste preciso momento. As cancións das letras, os arranxos das letras son moi actuais, son de fai meses e entón foron vivencias que están aí moi moi próximas no tempo.

- Que esperades desta xira?
- Agora estamos na primavera, no mes de maio, estamos nas salas e é simplemente dar a coñecer un pouquiño o disco para que vaia soando para prepararnos para o verán. O verán aquí en Galiza é moi potente en canto a concertos e en canto a festas. É unha preparación.  Un pouquiño de mostra, preparando, pechando o concerto dalgunha maneira. Poñernos en contacto de novo porque levamos bastantes meses sen saír en salas. É volver ver a xente, volver a que nos digan, a que nos falen, a que berren, bailen e canten con nós as cancións de novo. 

"Esta xira é para dar a coñecer o disco pero tamén é unha preparación para o verán."

- Tedes algún outro proxecto pensado para o futuro? Que pasos vai seguir O Sonoro Maxín?
- Agora estamos centrados en presentar o disco, facer xiras e prepararnos para o verán. Logo do verán quizais haxa algunha novidade máis pero é cuestión de darlle algo de tempo e que vaia para adiante. De momento estamos centrados neste disco. 

Comentarios