Os enterros da sardiña centran unha nova xornada de Entroido

Cidades e vilas galegas vivirán hoxe ruadas de 'dó e loito'.
Varios homes loitan pola coroa do rei na procesión de Covelo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Varios homes loitan pola coroa do rei na procesión de Covelo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Galiza celebrou onte o día grande do Entroido, co decorrer do groso de desfiles e concursos de disfraces. Hoxe, a maioría de vilas e cidades oficiarán, como manda a tradición, o enterro da sardiña ou do Filipe para despedir as celebracións desde 2023.

Entre as localidades nas que decorreron onte os maiores festexos está Covelo, no municipio de Melón (comarca do Ribeiro). Covelo acolleu a súa particular celebración de Entroido, unha variante que atrae cada ano  máis turistas de diferentes localidades galegas. Esta aldea de Melón celebrou a procesión de santo Entroido e santa Entroida, unha representación da batalla entre a escolta do rei e os soldados que loitan pola coroa do monarca.

Este acto, que decorreu onte, simboliza unha escena onde os salteadores pretenden arrebatarlle a coroa ao rei, durante o seu desfile entre os lugares do Regueiro e O Coto da Raña, mentres os seus protectores tratan de impedir o roubo. Ao remate da "batalla" os asistentes ao evento puideron degustar doces e bebidas para repor forzas após a "loita".

Xornada de loito

A cuarta feira de cinsa é, por tradición, unha xornada de dó polo remate dos festexos do Entroido. Moitas vilas simulan e burlan o rito cristián "enterrando" unha sardiña, un Felipe ou un meco, o que implica queimar estas figuras tan representativas.

Na comarca de Bergantiños o meco ten nome propio. A Mikaela de Buño, en Malpica, é unha das citas máis irreverentes destes festexos, como é costume no Entroido, é unha das festas máis concorridas na Costa da Morte.

Este peculiar desfile funerario, que contará incluso con misa cantada, estará acompañado en todo o seu percorrido pola parroquia de Buño por unha discoteca móbil. Rematará a xornada, e con ela o Entroido (como en tantos puntos da Galiza) coa queima do meco.

Comentarios