Enreguéifate-Regueifesta: A gala da improvisación tradicional en galego

Unha trintena de centros de ensino de todo o país participarán esta sexta feira no Encontro Regueifesta ao que tamén asistirá alumnado improvisador chegado de centros educativos de Euskadi e Catalunya.
Mostra de regueifa nun centro de ensino de Enreguéifate en xaneiro (Foto: Regueifesta).
photo_camera Mostra de regueifa nun centro de ensino de Enreguéifate en xaneiro (Foto: Regueifesta).

Esta sexta feira, 14 de abril, ás 11.15 horas dará comezo no Auditorio da Galiza, en Santiago de Compostela, a Gala Enreguéifate-Regueifesta. Un acto no cal se entregarán os premios Enreguéifate, o certame de regueifas impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que pon así o broche de ouro á súa sexta edición.

Unha trintena de centros de ensino de todo o país participarán activamente neste Encontro Regueifesta ao que tamén asistirá alumnado improvisador chegado de centros educativos de Euskadi e Catalunya.

Conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; a regueifeira Lupe Blanco; e a regueifeira e música Olalla Liñares, a gala será unha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso, e incluirá tamén unha actuación musical do Rabelo e High Paw.

O acto contará con dúas intérpretes de lingua de signos co fin de garantir a accesibilidade para as persoas con discapacidade auditiva.

As iniciativas

O Enreguéifate e a Regueifesta son dúas iniciativas colectivas que procuran revitalizar a improvisación oral en verso para contribuír á promoción do uso da lingua galega, especialmente na infancia e xuventude.

O Enreguéifate, promovido por un total de cinco concellos galegos, desenvolveu nesta sexta edición obradoiros de formación para profesorado e estudantes e un certame de regueifas en vídeo no cal participaron máis de 40 propostas entre a categoría escolar e a xeral, das que 12 recollerán o seu galardón na gala desta sexta feira.

A regueifesta

A Regueifesta naceu no curso 2015-2016 co impulso de dous institutos -o IES de Baio e o IES de Vila de Cruces- e, co apoio da Asociación ORAL e da Escola Semente, e “creou un pequeno movemento de dinamización do repente galego entre as novas xeracións”.

Este movemento, que procura identificar valores da sociedade actual -autoxestión, participación social, intelixencia emocional, ecoloxismo lingüístico, visión internacional do idioma etc.- co uso normal da lingua galega nos espazos vitais da xente nova, é posíbel grazas á participación de ducias de centros de ensino -e profesorado comprometido- que fan uso da regueifa como ferramenta de transformación social. A festa da regueifa ou Regueifesta suporá o fechamento festivo a esta nova edición do proxecto.

Comentarios