Emilio Fonseca gaña Premio Castelao de Banda Deseñada

A obra 'Fóra de mapa' de Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978) foi seleccionada por unanimidade do xurado como gañadora do XI Premio de Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña.  Destacou a necesidade e abrir unha nova liña destinada a público infantil e xuvenil.

emiliofonseca
photo_camera Emilio Fonseca

Un xurado composto polos recoñecidos autores Miguelanxo Prado, Juan Díaz Canales e Jorge González Varela e presidido pola responsábel da área de  Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín decidiu premiar, por unanimidade, a obra “Fóra de mapa” de Emilio Fonseca Martín, presentado co lema “Mariña aboa”. Destacaron como finalista a obra “Terra Incógnita” presentada co lema MAD+DOG.

Na deliberación insistiuse na posibilidade de creación dunha nova categoría para banda deseñada destinada ao público infantil e xuvenil e, neste sentido, destacou moi especialmente a obra “Curuxa. A voz de Azazel”, presentada co lema Curuxa, “perfectamente publicable que pon de manifesto a necesidade de abrir unha vía específica para as obras dirixidas a un público infantil/xuvenil dentro do Premio de Banda Deseñada Castelao”. A responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, valorou especialmente esta proposta que contribuiría a crear novo público lector de banda deseñada na nosa lingua.

O xurado apreza en  “Fóra de mapa” unha obra de gran ambición “cun guión rico, ben documentado e estruturado; un debuxo eficaz con moi bos recursos expresivos e bo tratamento da imaxe que provoca unha lectura fluída e engaiolante”.

Salienta tamén a calidade da obra finalista “Terra incógnita”, na que destaca o “interese da historia e as solucións gráficas empregadas”, polo que recomenda a súa publicación.

Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978), reside en Barcelona e é licenciado e investigador en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid. Ten traballado no ámbito do vídeo, a animación, a ilustración, páxinas web ou recursos educativos e artigos de investigación e fundou, xunto a Xiana Gómez-Díaz a produtora audiovisual Walkie Talkie Films. Dirixiu o documental 'Queimar o monte', sobre os incendios forestais en Galicia e partipou tamén no proxecto de cooperación española Chaco Ra'anga, para o que realizou o cómic “Verde Invisible”, sobre o Gran Chaco latinoamericano.

Queimar o monte - Avance do documental from Walkie Talkie Films on Vimeo.

Comentarios