Contracultura

Elvira Fidalgo: "As 'Cantigas de Santa María' contan sucesos que lle ocorren á xente corrente da Idade Media"

Elvira Fidalgo (San Pedro de Flariz, Monterrei, 1962) vén de realizar a primeira tradución completa ao español das 'Cantigas de Santa María' de Afonso X así como a primeira adaptación ao galego actual co obxectivo de achegar as pezas ao público xeral. 
Elvira Fidalgo é catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Elvira Fidalgo é catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago. (Foto: Nós Diario)
—Cal é a importancia destas edicións traducidas dispoñíbeis na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, no caso da adaptación ao galego actual, e na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, no caso da versión en español?
En ambos os casos é a primeira vez que se traducen, ou se adaptan no caso do galego, as cantigas completas. Xa en 2011 eu fixera unha edición en español para Patrimonio Nacional e puxera a tradución, mais eran 195, algo menos da metade. No caso do galego, até o de agora, tamén había adaptacións en antoloxías, sobre todo feitas para o ensino secundario, mais só recollían unhas poucas.

Para min, o máis importante neste caso é facer unha nova edición das cantigas. A edición que se manexaba habitualmente é a que realizou Walter Mettmann, un alemán especialista en portugués. Por isto, fai unha edición desde o punto de vista do portugués, incluíndo a súa grafía. Eu veño de facer unha nova edición, corrixindo erros e ortografía, e sobre todo tendo en conta o punto de vista da lingua galega. Propúxenme facer a adaptación ao galego moderno para facilitar a lectura e a comprensión ao público que non é especialista. Eu, como medievalista, leo as cantigas de corrido, mais a xente que simplemente ten curiosidade ou estudantes de secundaria vai ter máis facilidades se o texto está no galego actual.

Outro dos motivos polos que me parece importante a edición que fixen é que o texto destas cantigas adoita estar moi arrevesado porque tiñan que respectar a melodía e a rima. Claro, nós agora temos o costume de lelas, pero estaban feitas para ser cantadas e isto implica que en moitas ocasións lle daban a volta aos versos para que todo isto encaixara.  Na miña edición alixeirei iso, de maneira que intentaba manter as rimas, mais primando o sentido por enriba delas e sobre todo tamén tendo en conta que moitas palabras xa non existen, polo que esta rima non se pode manter.

—No que respecta ao contido, as cantigas conteñen moita información sobre a vida cotiá na Idade Media, o que tamén pode facilitar que o público xeral se achegue a esta realidade, non si?
As Cantigas de Santa María son riquísimas, dá igual por onde se miren: polo xeito de copia, por onde foron copiadas, pola lingua empregada, pola métrica... Mais alén disto contan sucesos que lle ocorren á xente común e corrente da Idade Media: matrimonios, descendencia, señores e criados, sogras e noras, abadesas, curas, animais... Pásanlles cousas difíciles de superar como as enfermidades e mortes ou a falta de alimento, e nas que hoxe non adoitamos pensar porque contamos con hospitais, penicilina... Eu sempre digo que estas cantigas son como cadros da vida cotiá da xente común. 

—Percibe certos prexuízos arredor desta época?
Ás veces pensamos que na Idade Media todo era miseria e non, en absoluto. As clases altas vivían moitísimo mellor que as inferiores. O que pasa é que había moita máis xente nas clases baixas. Falando das peregrinacións por exemplo, vemos exemplos de persoas pobres que fan estes percorridos coas súas dificultades, mais tamén hai moitos casos de persoas con poder adquisitivo que vai cos seus criados, tendas de campaña e demais. Precisamente, por todo isto a xente máis pobre adoitaba peregrinar a lugares máis achegados, facían rutas máis curtas. Mais as clases altas ían a Xerusalén, viñan a Compostela desde Francia ou Alemaña.

Comentarios