venres 21.02.2020
Nova edición crítica a cargo de Anxo Angueira

Do “intenso carácter nacional galego” de 'En las orillas del Sar'

O derradeiro libro de poemas de Rosalía de Castro non foi “unha dimisión”. Ao contrario, o seu “intenso carácter nacional galego” nutre “un salto adiante definitivo” da autora. Desta tese parte o profesor Anxo Angueira na nova edición crítica de En las orillas del Sar (1884).
 

Estatua de Rosalía de Castro en Padrón. Foto: Luis Miguel Bugallo Sánchez (licenza GNU / Galipedia).
Estatua de Rosalía de Castro en Padrón. Foto: Luis Miguel Bugallo Sánchez (licenza GNU / Galipedia).

“O seu carácter nacional galego vese tanto no histórico-político como no cultural ou literario”, afirma a nota de Edicións Xerais, que se encarga de publicar o volume. Como o paso chave á hora de situar Rosalía na moderna literatura europea é definido o volume en que volveu ao castelán despois dos totémicos Cantares Gallegos (1863) e Follas Novas (1880).

en las orillas del sar cuberta

A obra viu luz apenas un ano antes da morte da poeta. “Agora que se apaga e que remata, Rosalía edifica unha extraordinaria arquitectura lírica e formal para o acabamento, para as súas voces e os seus límites, para as súas dúbidas e abismos”, di o comunicado editorial, “En las orillas del sar é final e cume dunha escrita extraordinaria”.

O Sar, a Terra de Iria, Compostela, Conxo -daquela un concello de seu-, delimitan a xeografía destes poemas, “o río da vida e o río da literatura”. Na edición de Angueira, el mesmo escritor e presidente da Fundación Rosalía, inclúe un “longo estudo introdutorio”, un “detallado repertorio de notas” sobre os textos e “pormenorizados comentarios” de cada un dos poemas.

Anxo Angueira xa se ocupara antes de compor edicións críticas e anotadas de Cantares Gallegos -publicada en 2013- e de Follas Novas -en 2016-, ambas as dúas tamén en Xerais.

Do “intenso carácter nacional galego” de 'En las orillas del Sar'
comentarios