Crítica de teatro

'Soga e cinsa', de Aporía escénica: do críptico ao obvio

Soga e cinsa, a montaxe de Diana Mera anuncia un camiño que logo non se atreve a percorrer.

Unha escena da montaxe / Marcos Canosa
photo_camera Unha escena da montaxe / Marcos Canosa

Contar unha historia ten os seus riscos: un é que se vexa demasiado a moral do conto; outro é que se vexa demasiado pouco. A liña entre a obviedade e o críptico é complicada de deseñar: non se debe tratar ao público con paternalismo, mais é obrigatorio subministrarlle as pistas necesarias para que non se desvíe do camiño trazado, ou polo menos para que saiba onde queremos chegar.

Soga e cinsa / Compañía: Aporía Escénica / Dirección e dramaturxia: Diana Mera / Elenco: Nerea Brey, Sonsoles Cordón, María Costas, Diana Mera, Raquel Oitavén, Marta Pérez, Merche Pérez, Rosa Puga Davila, María Roja, Nuria Sotelo e María Tasende / Estrea: Auditorio Municipal de Vigo, 19 de febreiro de 2021

Soga e cinsa ten un primeiro cadro no que se coquetea co críptico, cunha sorte de teatro-danza que quere dicir sen explicitar e que resume todo o que de incómodo ten o tema tratado. Durante o tempo que dura este cadro, a obra xoga con tópicos, mais faino con personalidade, colocando as estampas coñecidas da caza de bruxas nun contexto nin demasiado lírico nin demasiado visceral. Busca a imaxe impactante que sexa significativa, o resumo plástico que seduza ao espectador sen obrigalo a identificarse plenamente co discurso. Se cadra, non o consegue sempre, mais é neste tramo onde a obra acada os momentos máis absorbentes, máis suxestivos.

Mais a partir de aí o espectáculo decide que non abonda con suxerir e transfórmase nun discurso carente de sutileza: traspasa a barreira do obvio para descender ao declarativo, a expoñer a súa tese escudándose nunha colaxe de recursos de escaso fundamento dramático. Bota man dunha caligrafía rudimentaria que apenas logra ocultar que as diferentes escenas son un simple subterfuxio para lanzar unha tese que a audiencia debe aceptar sen maior debate interno. Ten a intención de mostrar un anaco da Historia que debería ser máis coñecido, mais a proposición teórica invade a escena e todo se reduce a ela, deixando clara a posición mais renunciando á sorpresa e á descuberta.

A montaxe de Diana Mera anuncia un camiño que logo non se atreve a percorrer. Comeza presentando as imaxes do drama que significou a persecución política das mulleres alcumadas de bruxas, mais logo colle un atallo e renuncia a encarnar o itinerario, a presentar ese drama con trazos humanos. Hai momentos dunha teatralidade moi estimulante –unha irónica escena de tortura contraposta a un exercicio de natación sincronizada, a acrobática escena de aforcamento…–, mais a forza deses fragmentos dilúese no ton pedagóxico e impide percibir o fondo da traxedia. O desafío ao público transfórmase nunha arenga desprovista da mesma maxia que reivindica.

Se se convoca un aquelarre é pertinente manter a preceptiva até o final. E no final só agarda un epílogo ritual tan hermético como difícil de distinguir desde o patio de butacas. O que constata que a función do teatro non é reafirmarse no coñecido, senón dar as explicacións que non atopamos noutro lado.

Comentarios