Os Dire Straits galegos volven á casa

A banda tributo Brothers in Band presenta na Coruña 'Alchemy Relive'
4
photo_camera Angelo Fumarola -no centro- imbuído polo espírito de Mark Knopfler durante unha recente actuación de Brothers in Band.(Foto: Nós Diario).

Non son do south-east londinense, nin superan os sesenta anos, porque non son os Dire Straits. Mais paréceno. Trátase dos galegos Brothers in Band, o grupo tributo á banda de Mark Knopfler con máis popularidade e recoñecemento internacional, que volven á súa terra para presentar o espectáculo Alquemy Relive, nun concerto que terá lugar o vindeiro 13 de marzo, sexta feira, ás 21 horas no Pazo da Ópera da Coruña. 

Din algunhas das persoas que tiveron a posibilidade de asistir a un dos seus espectáculos ao vivo que o directo de Brothers in Band é como unha viaxe no tempo aos anos 80. Outras, que é como estar nunha realidade paralela na que Mark Knopfler non seguiu o seu propio camiño, lonxe dos seus antigos camaradas.

Sexa como sexa, doce anos de traxectoria avalan a sona dunha das bandas tributo máis famosas do mundo, que se atopa en plena xira de presentación de Alquemy Relive, na que recrean o directo que os británicos gravaron no Hammersmith Odeon de Londres en 1983.

Brothers in Band revive a atmosfera que envolvía este directo empregando o mesmo repertorio e formación que usaron os Dire Straits, para o que contan cun novo vocalista, o italiano Angelo Fumarola, e un conxunto de artistas formado por Antonio Abad (guitarra rítmica), Fernando Abenza (baixo eléctrico), Xabier Vaz (piano e teclados), Ángel Fernández (hammond e sintetizadores), Rubén Montes (percusión), Diego Alonso (saxos), Pablo Gisbert (pedal steel guitar) e Miguel Queixas (Batería).

Desde o ano 2008 revisitando o repertorio dos 'Dire'

O propio Queixas revela a Nós Diario que a nova xira está sendo "a de maior poder de convocatoria" desde a súa estrea cun concerto duplo en Barcelona, hai exactamente un ano.

"Todo o mundo está saíndo encantado dos concertos, cun gran sorriso", engade o batería de Brothers in Band, que sinala que cando a formación musical deu os seus primeiros pasos -"como un grupo de catro amigos"- no ano 2008 "só pensaban en recrear desde o cariño cancións dos Dire Straits, nunca pensaron que chegarían tan lonxe".

Comentarios