O deseño galego chega a Fitur da man de Pepe Barro e a Ribeira Sacra

O novo símbolo presentado en Madrid está formado por unha serie de follas que se reúnen para formar unha estrela, algo que segundo o seu responsábel “remite á hostalería de calidade” e a esa unión entre un territorio “que é tan antigo como os dinosauros, pero que continúa en construción".
O novo deseño de Pepe Barro para a Ribeira Sacra, no momento da súa presentación en Fitur (Foto: Nós Diario).
photo_camera O novo deseño de Pepe Barro para a Ribeira Sacra, no momento da súa presentación en Fitur (Foto: Nós Diario).

A Feira Internacional do Turismo (Fitur) que conclúe hoxe na capital do Estado acolleu a presentación do último proxecto do deseñador galego Pepe Barro.

Trátase do novo deseño de identidade da Ribeira Sacra, para o cal, como explica o seu responsábel a Nós Diario, escolleu como leitmotiv “un ingrediente, a natureza, que é fundamental na Ribeira Sacra”.

“Os ríos son impresionantes, pero tamén o mundo vexetal: as carballeiras, os castiñeiros, as vides... mais existe outro ingrediente a ter en conta, que é o patrimonio cultural, que dá lugar ao nome de Ribeira Sacra e que vai alén dos mosteiros e ese bosque de igrexas construídos na propia Ribeira”, engade o deseñador.

“Ademais –apostila Pepe Barro- tamén hai referencias á unión de concellos tan sólida que hai na comarca, e que é envexada por outros territorios que desexarían manter a boa veciñanza que alí teñen”.

O novo símbolo presentado en Madrid está formado por unha serie de follas que se reúnen para formar unha estrela, algo que segundo o seu responsábel “remite á hostalería de calidade” e a esa unión entre un territorio “que é tan antigo como os dinosauros, pero que continúa en construción, xa que oficialmente o nome existe tan só desde a creación da Denominación de Orixe en 1999, e o Consorcio de Turismo aínda ten menos anos”. Para Pepe Barro, todo isto significa que “a súa identidade é aínda moi recente, polo que con este novo símbolo dá un paso máis”.

Con respecto á recepción dun proxecto dado a coñecer en Fitur polo presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián –tamén alcalde de Sober-, Pepe Barro confesa que recibiu “moitos parabéns tanto en público como en privado” por parte de distintos membros do consorcio, da Denominación de Orixe ou de hostaleiros e hostaleiras, que entenderon positivamente “unha solución gráfica” na que, admite, tratou de “meter no pote e pór a ferver” eses distintos ingredientes para que o seu “maxín” argallase un resultado óptimo e aceptado por todos e todas.

Comentarios