A descoñecida Murguía que homenaxean en Oiartzun

Cada ano, por volta da data do seu nacemento, en Oiartzun homenaxean a Murguía. Non é ao primeiro presidente da Academia Galega e home de Rosalía de Castro. Trátase de Concha, a súa nai, unha vasca que inculcou ao fillo o amor e a defensa da terra. 

Casa natal de Concha Murguía
photo_camera Casa natal de Concha Murguía

Desde o ano 2000, arredor do 29 de xaneiro que é a súa data de nacemento, en Oiartzun, en Euskadi, homenaxean a Concha Murguía na casa na que naceu, un edificio señorial hoxe convertido en casa da cultura, con biblioteca e salón de actos. Desta volta, o acto, organizado polo Fato Cultural Daniel Castelao máis o concello de Oiartzum, tivo lugar o día 1 de febreiro cun programa no que se deron a man os gaiteiros Trisquela e o grupo Lartaun Txitulari Taldea, houbo ofrenda floral e tamén as intervencións do Concelleiro de Cultura, Asier Legorburo e o historiador Xosé Estévez, verdadeiro promotor da conmemoración. 

Foi precisamente Xosé Estévez, natural de Quiroga e afincado no País Vasco, quen lle seguiu a pista á nai de Manuel Murguía desde que reparara no dato aportado por Vicente Risco na biografía do historiador que a facía natural de Tolosa. Desde entón, visitou arquivos e buscou documentos mais nada lembraba en Tolosa á muller da que o fillo tomaría o seu apelido para se identificar na historia. 

Na Rúa das Hortas

A pegada da súa orixe atopouna un artigo de Ignacio Querejeta no que atopou o apelido nun organista de igrexa, entón funcionarios municipais. Domingo Murgia Azkonobieta, pai de Concha, aprobara as probas de músico en Rentería e logo pasara a Oiartzun, localidade na que nacería a que sería nai do historiador galego. “O pai fora organista en San Esteban, e Concha naceu o 29 de xaneiro de 1806 no que hoxe é a casa da Cultura, antes hospital de peregrinos do Camiño de Santiago”, explica Xosé Estévez. 

A data e lugar da súa morte tamén os atopou na súa investigación, desta volta documentándose en Compostela, onde morreu nova en 1864, con 48 anos, no número 14 da Rúa das Hortas, 

a poucos metros da Praza do Obradoiro. A composición que Estévez fai da vida de Concha é que tiveron que fuxir de Euskadi por pertencer seu pai ao partido liberal partidario dos foros, da liña do Conde de Villafuertes, cando se produciu a entrada dos Cen Mil Fillos de San Luís. Foi entón cando a familia marchou para a Galiza, lugar no que Concha cadraría co boticario José Martínez, pai de Manuel Murguía, quen se deu a coñecer co apelido materno. 

Amor polo País Vasco dá en amor por Galiza

“Debeu ser unha muller con moita querencia pola cultura, seu pai era músico, dunha importante familia de Guipúscoa con grandes posesións. Aínda hoxe ao pé de Donostia se conserva o Pazo dos Murguía. Por parte de nai eran os Egaña, unha familia na que pai e fillo foron secretarios da provincia e escribiron libros sobre a súa historia”, apunta Xosé Estévez. Pouco máis se sabe desta descoñecida muller da que tampouco se coñecen fotografías. 

O que si ten claro o historiador é que Concha Murguía foi “moi amante da cultura vasca e, desta maneira, o seu fixo di que aprendeu a amar Galiza ao ver como a súa nai amaba o país vasco. Tamén tivo que ser liberal xa que tivo a Manuel Murguía antes de se casar”. 

Na que foi a súa casa natal, loce desde que se iniciaron as homenaxea anuais unha placa na que se lembra que nesa casa naceu Concha Murguía Egaña, “nai de Manuel Martínez Murguía, berce do nacionalismo galego”. Cada ano, os medios de comunicación vascos recollen a información da homenaxe a Concha Murguía. En Oiartzun a totalidade dos seus concelleiros son nacionalistas, e 11 dos 13 pertencen a Bildu. Desde que se celebran eleccións municipais, nunca foi electo un concelleiro non nacionalista. 

 

Comentarios