luns 18/10/21

A Deputación da Coruña impulsa a distribución de seis filmes en galego

A institución pública confirmou que destina máis de 116.000 euros a promocionar películas como Lúa Vermella, Ons, A illa das mentiras ou María Solinha.

Xurxo Couto, deputación da coruña, filmes en galego
O deputado Xurxo Couto en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A Deputación da Coruña comunicou hoxe que está a apoiar a seis novas películas en galego para difundir a lingua a través da gran pantalla. O deputado da área de Cultura, Xurxo Couto, explicou que a convocatoria deste ano ten un orzamento de 116.156 euros.

O obxectivo é contribuír á distribución dos filmes tanto en galego como traducidos á lingua do país.

As producións vanse estrear nos próximos meses. No entanto, en cuestión duns días chegará ao público Ons de Alfonso Zarauza. Será no Festival de Cinema de Sevilla.

Tamén estes días chegará ao cinema a Lúa vermella de Lois Patiño. "Esta liña de axudas foi creada precisamente para contribuír á paliar o déficit de cinema en galego nas pantallas”, explicou Couto.

O representante recoñeceu que “son poucas as películas que chegan ao público na nosa lingua” e, por iso, o ente público deseñou “novas ferramentas para apoiar a presenza da nosa lingua nos cines.

Coas subvencións, o departamento de Cultura axuda cos “gastos de difusión, publicidade, subtitulado, dobraxe ou comunicación social co obxectivo de facilitar que o público poda acceder ás películas en lingua galega”.

Salas comerciais e festivais

"Para o sector audiovisual galego é fundamental contar con apoios á hora de difundir as producións e, neste sentido, esta liña afonda precisamente neste ámbito, de especial relevancia para que os filmes se poidan ver na nosa lingua tanto en salas comerciais como en festivais ou outros programas", resaltou o deputado.

Con este impulso sairán en próximos meses María Solinha de Ignacio Vilar (24.000 euros); Somos criminais (14.196 euros); A illa das mentiras (18.760 euros) e A media voz (5.280 euros).

Esta liña complementa o programa "Visións" da Rede Cultural difundir contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos.

comentarios