Cultura

Ignacio Vilar estreará 'María Solinha' en 100 cines ao ar libre e autocines no rural

Proxeccións por toda a Galiza, Portugal e Castela e León 
Grial Montes dá vida a María Soliña.
photo_camera Grial Montes dá vida a María Soliña.

Ignacio Vilar en persoa e a súa equipa levan días percorrendo a Galiza para fechar as máis de 100 proxeccións do filme María Solinha, a sétima longametraxe do director. "Nesa viaxe descubrín unha cousa", anunciaba hoxe na rolda de prensa coa que facían público o plan de exhibición. Como xa intuía, descubriu o enorme descoñecemento da figura da protagonista da película, que se propón, con máis forza se cabe, divulgar: "Xa non son director de cinema, María Solinha fíxome mensaxeiro". E asegura que "non só na Galiza, penso polo mundo enteiro".

O filme ía estrearse en Cangas o mes pasado, concretamente o 15 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas, para pasar logo a todas as salas da Galiza e varias no Estado. Porén, a crise sanitaria obrigou a modificar as datas e a propia fórmula. Finalmente, María Solinha proxectarase por primeira vez ao ar libre e chegará antes ao rural que ás cidades.

Desta maneira queren darlle a volta ao formato "itinerante" que a produtora Vía Láctea xa empregou noutros en películas anteriores. O primeiro pase será en Redondela a sexta feira 19 de xuño e en Cangas ao día seguinte. As dúas proxeccións faranse na rúa, respectando as distancias e demais medidas de seguridade precisas.

Logo desta estrea nos propios concellos que acolleron a rodaxe, María Solinha non demorará en chegar ao resto da Galiza, Portugal e mesmo Castela e León, neste mesmo formato ou no do autocine en vilas como Verín. Fóra das nosas fronteiras proxectarase en versión orixinal subtitulada.

A idea era chegar a 314 concellos galegos en tres meses, mais de momento rebaixaron a meta aos 200. Hoxe xa teñen conformadas 100 datas na Galiza, pero traballan para que sexan moitas máis.

Na rolda de prensa convocada en Cangas interviñeron Xoán Mariño, xerente de Mr. Misto, responsábel da exhibición; Iria Rodríguez, representante de Gadisa (patrocinador); Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas. Tamén tomaron a palabra as actrices Grial Montes, Laura Míguez, Santi Prego, Antonio Durán "Morris" e Mabel Rivera.

Por último, falou Ignacio Vilar, que reivindicou o cinema como "grande escaparate" ao mundo para contarnos como pobo e sinalou a necesidade de "seguir apoiando o cinema como sector estratéxico", especialmente no momento que estamos a vivir, pois destacou este medio como fundamental "para que a xente non se tirase polos balcóns durante o encerro".

Comentarios